A Asemblea da Federación Española de Baloncesto aprobou esta semana a folla de ruta das competicións FEB, entre elas a da liga Feminina 2 na que volverá competir o Club Baloncesto Arxil despois dun ano en Liga Challenge. A competición non variará en composición e organización e volverá contar con 28 equipos divididos en dous grupos de 14 cada un. 8 deles optarán ás prazas polo ascenso. A liga comezará o 4 de outubro e terá 26 xornadas. A liga regular finalizará o 18 de abril e terminará coa fase final de ascenso, que se celebrará durante o mes de maio. Os dous campións de ambos os grupos enfrontaranse nunha final de ida e volta. Pola súa banda, os equipos clasificados entre a segunda e a cuarta praza, disputarán unha eliminatoria de playoffs a ida e volta na que estarán en xogo tres billetes para unha segunda rolda á que tamén accederá o perdedor da final. En canto á distribución dos grupos, o Arxil estará encadrado no Grupo B e visitará Asturias (Abda e Gijón), Castela e León (BF León), País Vasco (Ibaizabal, Ointxe e Barakaldo) e Cataluña (Lleida, Tarragona Básquet, Manresa, Romakuruma Mataró e Talenom Boet Mataró). Tamén se enfrontará aos galegos Maristas e Cortegada. Pola súa banda, o Grupo A formarano o andaluz GMASB; o balear Port Management Andratx; os canarios Spar Gran Canaria, CB Isla Bonita e Magec Tías Lanzarote; os cataláns Dishelec 65 Viladecans, GEIG Pacisa e Segle XXI; os estremeño Ferros Díaz Estremadura Miralvalle; os madrileños Cesur Distrito Olímpico, DPES CB Ciudad de Móstoles e Esco Grupo Feminino Alcorcón; e o valenciano Picken Claret.