A Comisión Europea declara que o goberno de España incumpriu a normativa comunitaria ao prorrogar a Audasa a concesión da AP-9 sen sacala a licitación pública, así como tamén a AP-66. O goberno acaba de recibir comunicación oficial dun ditame motivado, emitido este 17 de xullo de 2025, que establece que España vulnerou o Dereito da Unión en canto a contratación pública e concesión de autoestradas. Insta o Executivo a "respectar as normas sobre contratos de concesión de autoestradas". Desta forma, abre a porta a un procedemento xudicial si o Executivo non adopta as "medidas necesarias" para emendar a situación nun prazo de dous meses. Este ditame de Europa é resposta a unha denuncia presentada en 2019 pola asociación de consumidores En Colectivo e a un procedemento de infracción aberto entón pola Comisión. A prórroga da concesión da autoestrada de peaxe AP-9 até 2048 e o aumento de prazo na AP-66 foron aprobadas no ano 2000 polo Goberno do PP, presidido por José María Aznar. En base a estes antecedentes, fontes do Ministerio de Transportes indican que "si estamos nesta situación, por tanto, é responsabilidade dos gobernos do Partido Popular". O ministerio insiste en que as políticas de mobilidade e reequilibrio territorial que actualmente defende este Goberno "van na dirección contraria" e asegura que colaborou e respondido a todos os requirimentos realizados pola Comisión Europea "por responsabilidade e para velar polo interese común". Desde o ministerio aclaran que a comunicación oficial recibida polo goberno "non supón o final do procedemento nin a eliminación das prórrogas", posto que agora novamente España ten a oportunidade de responder ao mesmo. Así, avanzan que analizarán a resolución e esgotarán as opcións de resposta, ademais da posibilidade, "chegado o caso", de interpor os correspondentes recursos. O goberno actual ha apostado por unha política de bonificación de peaxes desa autoestrada e actualmente hai un desconto do 100% da peaxe de retorno para vehículos lixeiros que realizan os seus traxectos de ida e volta en 24 horas. Coas políticas de bonificacións estatais, segundo os datos de Transportes, desde 2018 e até final xuño deste ano, os usuarios aforráronse máis de 375 millóns de euros ao circular pola AP-9, e máis de 58,5 millóns ao circular pola AP-66, en bonificacións directas ou limitando a subida das peaxes. "HERDANZA ENVELENADA" O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, considera que este se trata de "unha herdanza envelenada máis das que deixa o Partido Popular cando chega ao poder" e "unha desas manobras típicas do Partido Popular, sempre ao lado do poder do diñeiro", unha prórroga para revalorizar a autoestrada de face á privatización posterior. Os galegos e galegas, segundo Losada, "teriamos que ter unha autoestrada libre de peaxe xa a día de hoxe" e "fomos condenados polo Partido Popular e Aznar" a continuar pagando até 2048. Para o subdelegado, o "relevante" hoxe, en 2025, é que ese mesmo Partido Popular está a protagonizar unha "enorme manobra de distracción", tratando de pór o foco en que o importante é a transferencia a Galicia da autoestrada "cando esa cuestión non está entre as preocupacións dos galegos, que a día de hoxe, e de non ser por Aznar, levarían xa un par de anos gozando dunha autoestrada completamente gratuíta". REACCIÓNS Tras coñecerse o ditame, a portavoz nacional, Ana Pontón, valorou "moi positivamente" a decisión da Comisión Europea e demanda ao Estado español que "acate" o ditame do executivo comunitario porque "supón unha oportunidade para rescatar a autoestrada". Abre a posibilidade, segundo Pontón, de "ter, dunha vez por todas, unha AP9 galega e libre da estafa das peaxes en lugar de seguir pagando até 2048". Segundo Pontón, a ampliación de 25 anos aprobada polo PP, que Bruxelas ve contraria á normativa comunitaria, "condena aos galegos e ás galegas a seguir pagando peaxes até 2048, mentres que a maioría das autoestradas coetáneas á AP9 son gratuítas".