Un home de 78 anos faleceu afogado este xoves na praia da Lanzada, no municipio pontevedrés do Grove, segundo informou o 112 Galicia. A vítima, que foi sacada inconsciente da auga por outros bañistas, morreu a pesar das manobras de reanimación cardiopulmonar realizadas polos servizos de emerxencia. O suceso rexistrouse sobre as 12:35 horas do mediodía. Desde o 112 Galicia mobilizaron a Salvamento Marítimo, ao servizo de Gardacostas de Galicia, ao GES do Grove e de Sanxenxo e á Policía Local do Grove. A eles sumáronse un helicóptero medicalizado e unha ambulancia asistencial de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como persoal sanitario do centro de saúde do Grove. O alcalde do Grove, José Cacabelos, trasladou o seu pesar polo falecemento deste bañista que, segundo explicou, era avogado de profesión e natural de Lugo. "Estaba a nadar cun compañeiro que foi o que advertiu que se parou no mar", detallou o rexedor, que indicou que cando a xente que se bañaba preto levouno á beira foi atendido polos socorristas da praia "que estaban a abrir o posto". A súa recuperación foi "totalmente imposible", defendeu Cacabelos, que asegurou que aínda non se coñecen as causas exactas do falecemento desta persoa. O alcalde lamentou que este ano estea a ser "bastante activo" con respecto ao perigo do mar, xa que lembrou que outras tres persoas tiveron que ser rescatadas nas últimas semanas polas correntes que hai na praia da Lanzada. "Hai que ter moito coidado con elas", advertiu José Cacabelos, que pediu aos usuarios das praias que "extremen a precaución e teñan coidado" cando se bañen.