En 1522 Carlos I concedeulle ao porto coruñés o monopolio do comercio con Asia, como Sevilla o tiña con América. A decisión non tivo impacto real, pois só durou ata 1529, pero neses anos a cidade encheuse de navegantes e cartógrafos e dela partiron dúas importantes expedicións. A dirixida por García Jofre de Loaísa, con sete buques e 450 homes, chegou ás illas Molucas 15 meses despois, pero foi derrotada entre múltiples calamidades. Os poucos superviventes regresaron á Península en 1536 completando así a segunda circunnavegación ao planeta.