Protesta na Peregrina contra a política forestal do PP

Wait 5 sec.

Pontevedra foi unha das 29 localidades de toda Galicia que acolleron este xoves mobilizacións convocadas pola plataforma 'Por un monte galego con futuro' para rexeitar a política forestal do PP "que queima os nosos montes e as nosas casas". Además de ser un acto de protesta tamén o foi de solidariedade coas persoas afectadas pola actual vaga de lumes e co persoal do dispositivo contra incendios. Os convocantes demandaron solucións inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias do desastre medioambiental e urxiron medidas para que este desastre medioambiental non se repita. A plataforma 'Por un monte galego con futuro' está integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións. Naceu en 2018 para promover varias iniciativas lexislativas populares de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta. Mobilización contra a política forestal do PP No acto deste xoves fixo público un manifesto no que denuncia que esta "traxedia ambiental, social, cultural e económica" que están a provocar os lumes ten como causa directa o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido, "que son as que máis inflúen nas vagas incendiarias". Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida. Ao tempo que lembran que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) "é unha ferramenta inútil", que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que "non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural". Finalmente, inciden en que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentable coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor.