O goberno de Lores alega que se licitaron máis de 10,5 millóns en obra pública en seis meses fronte aos 472.000 euros que denuncia o PP

Wait 5 sec.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, respondeu este xoves ás críticas do portavoz municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, quen afirmaba que "Campo Lameiro, con 2.000 habitantes, licitou máis no primeiro semestre que Pontevedra". Domínguez denunciou que no primeiro semestre o Concello dedicou "apenas 472.000" euros a investimentos en obra pública, situando a Pontevedra como "a última" das grandes cidades galegas e dos municipios do contorno. O goberno de Lores presentou os datos oficiais de licitacións de obra pública do primeiro semestre de 2025, que ascenden a 10.538.180,38 euros, unha cifra que multiplica por máis de 20 a cantidade denunciada polo PP. Entre as principais actuacións licitadas entre xaneiro e xuño destacan: Parque da Parda: 5.533.406,02 euros (formalización de contrato) Renovación iluminación Lérez e o Burgo: 1.396.662,33 euros Contrato pequenas obras do rural: 840.000 euros Centro social Acevedo: 543.033,87 euros Noiro na estrada acceso estación de bombeo: 465.850 euros Emerxencia mellora galería servizos Corvaceiras: 307.445,8 euros O goberno local indica que o total de licitacións de obra pública iniciadas, adxudicadas, formalizadas ou executadas en 2025 alcanza os 18.648.460,73 euros, incluíndo actuacións como o Pavillón de Monte Porreiro (6.416.772,53 euros) ou o Parque Doce de Novembro (710.972,02 euros). "O PP non se quere enterar de nada", sinalou Fernández Lores en resposta ás acusacións da oposición sobre a falta de investimento municipal en obra pública. Os datos presentados polo Concello inclúen tanto obras de emerxencia como actuacións de mellora en infraestruturas, saneamento, iluminación e equipamentos municipais repartidas por toda a cidade e as parroquias do rural.