"Nas aulas tiñamos que falar o castelán, pero despois fóra, no recreo, alí falábamos galego". Con esta lembranza, Juan José Esperón e Juan Perdiz, antigos compañeiros no instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, resumen un tempo no que falar na escola a lingua que aprenderan na casa estaba prohibido. "Algún vareazo levamos por falar en galego". Décadas despois, aqueles dous rapaces de aldea (Esperón, da parroquia pontevedresa de Cerponzóns e Perdiz, de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade) que tiveron que agochar a súa lingua na aula, reencóntranse cun proxecto que reivindica a identidade e a memoria das persoas que, na viaxe final, tamén se viron privadas do galego. PontevedraViva reúnese con eles no cemiterio parroquial de San Vicente de Cerponzóns, o escenario no que o próximo día 31 de agosto se vai celebrar o acto da substitución de tres lápidas del panteón da familia Esperón-Recarei, que están escritas en castelán, por outras en galego. Conta Juan José Esperón que a partir de descubrir o libro En galego, agora e sempre, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, "que se fixo no ano 2008 e onde se recollen as mandas mortuorias que deixaron grandes personaxes de Galicia para o día do seu falecemento". Nestas disposicións pedían ser soterrados en galego. Juan José Esperón e Juan Perdiz no cemiterio parroquial de San Vicente de CerponzónsMónica Patxot "Quedoume a idea gravada. Eu pensaba: se viviches en galego, por que non deixalo escrito tamén no día da túa morte?", apunta Esperón. A idea foi tomando corpo a partir dun primeiro contacto con esta asociación e do posterior convite a actos similares de substitución de lápidas que se viñeron facendo en diferentes cemiterios de Galicia. "OS DA TABERNA DA RONS" O impulso definitivo chegou cando Esperón decidiu que o primeiro paso tiña que darse coa súa propia familia. As tres lápidas que se van cambiar pertencen a un panteón no que descansan seus pais, Carmen Recarei Cochón e Juan Esperón Moldes, e seus avós maternos, Jesús Recarei Loureiro e Ramona Cochón Ramos. Todos eles rexentaron durante décadas a coñecida Taberna da Rons, no lugar homónimo de Cerponzóns, que foi punto de encontro para veciños e viaxeiros. "Era unha taberna-ultramarinos onde a xente viña mercar, falar e pasar o tempo. Non é lóxico que meus pais e meus avós vivisen e falasen sempre en galego e logo as súas lápidas estean en castelán", resume. Juan José Esperón posa co libro 'En galego, agora e sempre' diante do panteón familia no cemiterio parroquial de San Vicente de CerponzónsMónica Patxot Para Esperón, esta é unha acción reivindicativa pero tamén unha homenaxe íntima: "Meu pai faría 100 anos xusto dous días antes do acto, e penso que é a mellor maneira de lembralo". Por iso decidiu dar o primeiro paso el mesmo, para que sirva de exemplo: "É un tema delicado, falar de cemiterios impón respecto, pero se eu o fago, quen queira pode animarse tamén". Juan José Esperón e Juan Perdiz no cemiterio parroquial de San Vicente de CerponzónsMónica Patxot A iniciativa quere servir de "faro para outras parroquias". Segundo lembra Esperón, en Cerponzóns só atopou unha lápida en galego en todo o cemiterio, malia que a práctica totalidade da veciñanza fala galego habitualmente. Cando se lle pregunta que cre que lle dirían os seus antergos por esta iniciativa, de súpeto, asoma unha risa tenra e o recordo da súa nai: "Seguro que me diría: fillo, en que te metes?. Ela sempre tiña ese xeito de preocuparse, pero estou convencido de que, no fondo, estaría orgullosa". FUNERARIA SAN MARCOS Para dar forma ao proxecto, Esperón buscou a complicidade de quen fora o seu compañeiro de estudos. Juan Perdiz, dende Funeraria San Marcos, non dubidou en implicarse. "O que faga faia, adiante", contestou. "O sector funerario traballou sempre en castelán. As esquelas e as lápidas fanse por defecto en castelán, salvo que a familia o pida expresamente. Pero iso non ten sentido: se ti viviches en galego, por que non despedirte tamén en galego?", reflexiona Perdiz. Juan Perdiz no cemiterio parroquial de San Vicente de CerponzónsMónica Patxot Admite que apenas un 1% das esquelas e lápidas constan en galego. "É unha minoría absoluta", lamenta. Lembra que, ata hai pouco tempo, incluso as misas de funeral oficiadas en galego eran unha rareza. "A igrexa tampouco axudou moito, pasouse do latín ao castelán, pero nunca ao galego", engade. Consciente de que o problema pode estar tamén en que o galego non é unha opción que as funerarias ofrezan de inicio, "e neses momentos, as familias non están para tomar grandes decisións, así que todo o que poidamos facilitar, dende a nosa empresa imos facelo". Como compromiso persoal e empresarial, Perdiz anuncia que en Funeraria San Marcos "teremos un desconto especial para que os usuarios que xa teñen posta a lápida en castelán e gastaron un diñeiro, que poidan levar a cabo o cambio destas lápidas do castelán ao galego cun desconto, para que o factor económico non sexa un obstáculo". Juan José Esperón e Juan Perdiz no cemiterio parroquial de San Vicente de CerponzónsMónica Patxot ACTO DA MEMORIA O domingo 31 de agosto, ás 11:00 horas, a igrexa e cemiterio parroquiais de San Vicente de Cerponzóns (Pontevedra) acollerán o acto En galego, agora e sempre – Restauración da Memoria Lingüística, organizado pola Asociación de Veciños O Chedeiro e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG). Descubrirase unha placa na entrada do camposanto e substituiranse as tres lápidas familiares de "Os da Taberna da Rons". Intervirán representantes do mundo institucional, relixioso e cultural. Entre eles, o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García; o presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo; o empresario funerario Juan Perdiz e Juan José Esperón Recarei, secretario da Asociación O Chedeiro de Cerponzóns e fillo e neto de "Os da Taberna da Rons". O evento estará acompañado pola música tradicional do grupo Os de Algures.