O Demo anda solto polas rúas da Boa Vila

Wait 5 sec.

As portas do inferno volveron abrirse en Pontevedra este 23 de agosto cunha nova edición da divertida e irreverente Festa do Demo por todo o centro histórico. Satanás e os seus secuaces apareceron na cidade, como é habitual, nos arcos de San Bartolomé, desde onde percorreron as principais rúas e prazas da zona vella pontevedresa. O fixo facendo burlas, xogos e todo tipo de trasnadas con todo aquel que se cruzaba co seu séquito, especialmente aos máis pequenos da casa. Foi ás doce e media do mediodía pero repetirase tamén pola tarde ás 20:00 horas. A Festa do Demo estará amenizada ademais pola Banda de Música de Salcedo, que ofrecerá un concerto ás nove da noite na Praza de José Martí. Media hora despois, ás 21:30 horas, será a tradicional Foliada do Demo, que estará conducida por Os Chichisos e Comando Curuxas na Praza de Curros Enríquez. Festa do Demo A Festa do Demo simboliza o éxito evidente que supón a recuperación de festividades e celebracións tradicionais, prohibidas e perdidas no seu momento. A Festa do Demo é un exemplo dese folclore popular tan noso, que cómpre manter vivo no tempo, ao demostrar a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento e festividade nos tempos actuais, amosando unha preocupación pola etnografía pontevedresa. No seu día, a recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro Pontevedra, boa vila, que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela. Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que os nenos fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.