O CGTD arrinca o curso coa cifra máis alta da súa historia

Wait 5 sec.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución do 12 de agosto de 2025 pola que se oficializa a concesión de prazas para os grupos de tecnificación e rendemento deportivo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Por primeira vez na súa historia, o centro alcanzará a cifra récord de 165 prazas concedidas, despois de sumar 11 adicionais ás 154 xa adxudicadas previamente. En concreto, o CGTD ofertaba este ano un total de 160 prazas, destinadas a deportistas de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de Bacharelato e a grupos de rendemento. Con todo, a resolución eleva a cifra final até os 165 deportistas, coa posibilidade de que se amplíe de forma progresiva durante a tempada. Concretamente, a distribución destas prazas queda establecida en 105 para tecnificación -90 residentes e 15 externos- e 60 para rendemento -12 residentes e 48 externos-. Unha tempada máis a paridade é case absoluta, con 83 mulleres e 82 homes. En total, as 165 prazas concedidas este ano polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva repártense entre trece especialidades deportivas. En atletismo, concretamente na modalidade de lanzamentos, cubriranse sete prazas, das cales cinco corresponden a tecnificación e dúas a rendemento. O bádminton contará con trece deportistas, once en tecnificación e dúas en rendemento, mentres que o judo disporá de doce prazas, nove para tecnificación e tres para rendemento. A loita agrupará a quince, oito delas de tecnificación e sete de rendemento, e a natación, tanto en proba pura como en augas abertas, alcanzará un total de doce prazas, con oito de tecnificación e catro de rendemento. A natación artística terá oito, todas de tecnificación, mentres que en piragüismo slálom haberá catro, tamén integramente destinadas a tecnificación. Pola súa banda, o piragüismo en augas tranquilas é a disciplina con maior número de integrantes, con 48 prazas, das que 20 son de tecnificación e 28 de rendemento. En remo concederon seis de tecnificación, mentres que o taekwondo disporá de 18, con 10 en tecnificación e oito en rendemento. En canto ao tríatlon, ofertan trece prazas, nove para tecnificación e catro para rendemento, mentres que a vela contará con cinco deportistas, todos eles en programas de tecnificación. Finalmente, a ximnasia pechará a listaxe con catro prazas, repartidas de forma equitativa entre tecnificación e rendemento. Este curso destaca a incorporación, por primeira vez, de dúas alumnas de segundo da ESO, Xulia Otero e Maulla Freire, que acceden ao CGTD grazas aos seus destacados resultados en bádminton. Ademais, o centro contará coa presenza de dous deportistas con discapacidade: Nagore Otero en tríatlon e Rocío Fraguela en remo.