Era unha exixente estrea o que deparou o sorteo, e así se demostrou na pista. Jéssica Bouzas caeu eliminada en primeira rolda do US Open, último grand slam do ano, ao perder fronte á croata Donna Vekic. Chegaba Bouzas nun dos seus mellores momentos, pero fronte a ela estaba o actual número 49 do ranking. A pesar de todo o encontro empezou de cara para a de Vilagarcía, que levou a primeira manga e chegou a dominar a segunda. Con todo Jéssica non estaba fina ao servizo e Vekic reaccionou para dar a volta á tortilla. Ao final o resultado foi de 6-3, 5-7 e 3-6 en 2 horas e 6 minutos de xogo. Unha derrota que supón unha freada á súa progresión a nivel de clasificación WTA, xa que no US Open defendía os puntos logrados o pasado ano chegando a terceira rolda do torneo. Tras despedirse de Nova York o tramo final de tempada aínda garda algunha que outra cita importante no calendario de Jéssica Bouzas, que ten previsto liderar a España nas Finais da Billie Jean King Cup que se celebrarán na cidade chinesa de Shenzhen, do 16 ao 21 de setembro.