O Hospital Provincial será o punto de encontro este sábado 30 de agosto para iniciar unha "manifestación-roteiro" en solidariedade co pobo palestino e en apoio á Flotilla Internacional da Liberdade, que partirá ao día seguinte desde Barcelona rumbo a Gaza para tentar romper o bloqueo israelí e levar axuda humanitaria. A mobilización, convocada por sindicatos e colectivos sociais, comezará ás 20:00 horas e percorrerá as principais rúas da cidade, realizando paradas simbólicas ante empresas que, segundo os organizadores, "colaboran financeira ou economicamente co xenocidio palestino". Miguel Cuña, secretario comarcal da CGT, explicou que a manifestación "responde a un chamamento internacional realizado por Global Subbot Flotilla, que o día 31 de agosto sairá do porto de Barcelona, rumbo a Gaza, e por augas internacionais tentará levar axuda humanitaria e solidaria a Palestina". O dirixente sindical denunciou a situación en Gaza: "Máis de 2 millóns de persoas que están a ser asediadas, bombardeadas, asasinadas e cercadas por fame". Aínda que recoñeceu que "toda a axuda humanitaria que poidan levar os barcos é insuficiente", defendeu que "a marcha da flotilla simboliza el intento de romper o cerco brutal que está a crear Israel sobre esa poboación". Cuña lembrou que esta será "a cuarta vez que esta flotilla tenta romper ese cerco", pero tamén "a cuarta vez seguramente en que Israel tentará deter esa flota, secuestrará nun acto de pirataría, secuestrará os integrantes da flotilla". En referencia á primeira flotilla, lembrou que "foron asasinadas máis de seis persoas dos tripulantes". A manifestación realizará paradas ante establecementos de Zara, Banco Santander, BBVA, Burger King, Carrefour e a Casa das Campas (sede do vicerreitorado da Universidade de Vigo), "pola colaboración de distintos proxectos que ten a universidade galega con Israel", segundo explicou Cuña. O percorrido finalizará na Subdelegación do Goberno, onde se lerá un manifesto "pola implicación do goberno español en todo isto e da Unión Europea". A "manifestación-roteiro" será o sábado 30 de agostoPontevedraViva XENOCIDIO CONSENTIDO Omar Vázquez, secretario comarcal de CCOO, sumouse ás críticas: "O que ocorre en Palestina non é unha guerra. É un xenocidio consentido e totalmente planificado". O dirixente sindical destacou que "Europa é o principal comprador da industria de guerra de Israel" e que "España bateu a marca de importacións con polo menos 134 operacións de compra-venda desde 2023". Vázquez revelou que "Galicia é a cuarta comunidade con maior peso na industria de defensa de España, con polo menos 30 empresas traballando para este sector e a intención xa declarada de que alcance as 200 polo menos". Laura García, representante de Pontevedra con Palestina, fixo un chamamento directo ao Goberno: "O Estado español di estar compunxido e sempre din que senten e que criminalizan a acción de Israel, pero seguen co seu comercio de armas". García pediu "que realmente haxa unha mobilización por parte do Estado cos medios necesarios para protexer a chegada desta flotilla, sa e salva, por augas internacionais ata Gaza, así como a seguridade dos seus tripulantes". Os organizadores confirmaron que o sábado 30 celebraranse "decenas de manifestacións, concentracións, mobilizacións distintas, mesmo marchas por mar en toda Galicia", en cidades como Santiago, Vigo, Ferrol, A Coruña, Ourense, Fisterra e Vilagarcía, entre outras. A flotilla estará composta por 12 barcos con tripulacións de 44 países, incluíndo representación galega, aínda que "por razóns de seguridade non se di o seu nome ata o día 31", segundo confirmaron os convocantes. A manifestación está organizada por Pontevedra con Palestina, CGT, CCOO, Global Movement to Gaza-Galiza, Rede Galega por Palestina, Cine Clube Pontevedra e Liceo Mutante. Sinalan que ningún grupo político da corporación pontevedresa mostrou aínda apoio a este acto.