O PP de Pontevedra reclama "unidade política" para que a dragaxe do Lérez sexa unha "realidade inmediata"

Wait 5 sec.

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, reclamou "unidade política" para que a dragaxe do Lérez sexa unha "realidade inmediata". Domínguez fixo un chamamento a BNG e Partido Socialista para que "remen na mesma dirección, sen partidismos e pensando no interese xeral da cidade". Lembrou que o pleno municipal aprobou recentemente por unanimidade instar á dragaxe e advertiu de que "calquera intento de utilizar este proxecto como arma política será un erro imperdoable". Rafa Domínguez convocou este xoves unha rolda de prensa na que valorou o anuncio do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre o desbloqueo da dragaxe do Lérez, un proxecto que, segundo lembrou, "acumula máis de 17 anos de atrasos, cambios de criterio e bloqueos administrativos". Para o PP a decisión do Goberno de España chega "demasiado tarde" e afirma que a "parálise" dos últimos anos "supuxo un dano enorme a Pontevedra". Entre outros, citou que o 35% dos amarres do Club Naval están inoperativos, que a actividade portuaria está "en risco" e que os sectores pesqueiro e marisqueiro están a reclamar "solucións urxentes" do mesmo xeito que fixo o propio Parlamento de Galicia, lembrou. O portavoz popular afirmou que "a burocracia e a falta de vontade política castigan a Pontevedra" pero que a cidade non pode esperar máis "a dragaxe ten que facerse xa, con todas as garantías ambientais, pero sen máis atrasos", dixo. O portavoz local do PP tamén valorou positivamente que a Xunta poña en marcha xa a tramitación ambiental, pero advertiu que "si non se fixan prazos concretos e se traballa con axilidade, corremos o risco de que a dragaxe siga durmindo nun caixón mentres a cidade paga as consecuencias". O dirixente popular pide que se estableza un calendario público de prazos e actuacións que garanta transparencia e control cidadán; que se habiliten mesas de traballo con representantes da comunidade portuaria, confrarías e clubs deportivos para que as decisións se adopten con consenso; e que se asegure que os materiais extraídos poidan ter un uso útil na rexeneración de praias, contribuíndo así tamén á mellora medioambiental e turística da ría.