Este xoves deu comezo a vixésimo cuarta edición da Festa do Mar, un evento que conxuga gastronomía, cultura e tradición mariñeira nun escenario tan tradicional como é Combarro. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou na inauguración, destacando a importancia do mundo do mar ligado a Combarro como un dos grandes atractivos da etapa pontevedresa de La Vuelta a España, que partirá desta localidade o vindeiro 9 de setembro. "A Festa do Mar de Combarro, non é só unha festa gastronómica, é unha exposición do que somos os que temos a sorte de vivir en Poio nesta provincia", afirmou Luis López, quen estivo acompañado na presentación polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue. O presidente provincial salientou o bo momento turístico que atravesa a provincia, con Combarro como "unha das súas xoias máis valiosas". López agradeceu o labor do sector turístico, da veciñanza pola súa hospitalidade e dos gobernos locais por promover o turismo con iniciativas como esta festa e eventos de impacto global como a saída dunha etapa de La Vuelta a España. Ademais, subliñou o peso de Combarro non só como atractivo turístico, senón tamén como "emblema da calidade de vida da provincia", describindo a vila como "a definición exacta do noso estilo de vida: a mostra do orgullo que sentimos pola nosa cultura, a felicidade que nos reporta o noso modo de vida e a nosa estreita e profunda relación co mar". Caravana de Galicia sabe amar na Festa do MarXunta de Galicia AMPLA PROGRAMACIÓN A Festa do Mar de Combarro, que se celebra do 28 ao 31 de agosto, inclúe unha variada programación dividida en tres bloques principais na Praza da Chousa: Gastronómico: Degustación de produtos do mar nas foodtrucks 'Galicia sabe Amar' e actuacións musicais durante as sesións vermú con La Mmarca, Víctor Manuel Movilla e Miguel Barroso Cerqueira. Carpa Museo: Exposicións sobre a cultura mariñeira, con maquetas de barcos, fotografías antigas do Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo e a exposición "No centro do Mar" de Cultumar. Tamén se proxectará o ciclo cinematográfico "Cine do Mar" con curtas diarias. Embarcacións Tradicionais: Encontro e regatas entre o venres e o domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, con máis de trinta embarcacións participantes. Concertos de primeiro nivel A música tamén ten un papel destacado con concertos gratuítos: Xoves 28: La Ocaband co seu musical "A historia da verbena" (21:00 horas) e o Grupo América. Venres 29: Miss Caffeína, banda de pop electrónico alternativo (23:30 horas), completado co DJ local Jorge Álvarez. Sábado 30: Natalia e Coti subirán ao escenario da Praza da Chousa (desde as 22:45 horas), con DJ Arroww. Natalia, coñecida por Operación Triunfo, traerá os seus éxitos, mentres que o cantautor arxentino Coti, popularmente coñecido pola canción 'Nada fue un error', fará un amplo repaso a toda a súa traxectoria. Domingo 31: O espectáculo musical 'Pop Rock Symphony Fusion' (22:00 horas). Para o público infantil haberá propostas como o espectáculo 'Os Piñeiriños' (xoves ás 20:00 horas) ou unha sesión de maxia con Samuel Moreno (sábado ás 19:30 horas). O Certame de Música Mariñeira celebrarase do venres ao domingo pola tarde, con actuacións de Son das Corbacerias, Adelaidas, Os Chispas do Lérez, Pontis Veteris, As Abeleiras, Máis Cantos e Vides Novas. Luis López, María Martínez Allegue e Ángel Moldes na Festa do Mar 2025Deputación de Pontevedra