Pechan ao baño Banda do Río por contaminación e o Concello promete actuar "coa contundencia necesaria"

Wait 5 sec.

A praia de Banda do Río en Bueu está pechada ao baño ata novo aviso tras detectarse un novo episodio de contaminación microbiolóxica nas súas augas. Tras ter coñecemento da situación, o Concello de Bueu promete actuar "coa contundencia necesaria, posto que non se descarta ningunha hipótese, incluso unha sabotaxe", recoñeceu o alcalde, Félix Juncal. A primeira medida foi a de requirir a FCC Aqualia a que leve a cabo a verificación dos colectores tanto de augas residuais como pluviais e a que busque posibles verteduras nas canles naturais ou calquera incidencia na rede. Explica o Concello de Bueu que recibiu o pasado 15 de agosto unha comunicación por parte do departamento territorial de Sanidade, no que se indicaba que as augas da praia de Banda do Río detectaran unha contaminación con parámetros de 2005 NMP/100 ml de enterococos intestinais, e >2005 NMP/100 ml de Escherichia coli. Estas análises motivaron o peche do areal ao baño durante catro días, así como a petición a concesionaria do servizo de abastecemento de que procedese á revisión integral dos colectores na contorna do río Bispo, ao existir constancia de verteduras nesa zona nos últimos meses. A concesionaria emitiu entón un informe no que explicou que levarían a cabo varias actuacións correctivas e preventivas, como a monitorización da rede de saneamento mediante cámara especializada co fin de detectar posibles obstrucións e elementos alleos, e a colocación de sistema de peche nas tapas das arquetas para impedir as manipulacións non autorizadas ao existir sospeitas de manipulacións nas mesmas. Mentres iso sucedía volveu permitirse o baño na praia o día 19 tras recibir unha comunicación de Sanidade que informaba da fin do episodio de contaminación microbiolóxica. Con todo este mércores, informa o Concello de Bueu, recibíase aviso dun novo resultado anómalo por contaminación, con parámetros de 53 NMP/100 ml de enterococos intestinais e 945 NMP/100 ml de Escherichia coli. Por este motivo decidiuse prohibir de novo o baño no céntrico areal ata novo aviso.