O Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo fixo un balance negativo da xestión municipal durante estes últimos meses, denunciando que a vila viviu "un dos peores veráns" en canto a servizos públicos e mantemento de espazos. Os nacionalistas, a través do seu portavoz Fran Leiro, sinalaron que a tempada estival estivo marcada por "suciedade, problemas de estacionamento, queixas polo exceso de multas en lugares como Portonovo e falta de mantemento de contedores". O BNG denuncia que o Concello "non foi quen de reparar ou substituír recipientes do lixo que levan meses en mal estado", tanto en zonas rurais como en lugares céntricos como a rúa Progreso ou a avenida de León. Tamén lamentaron o estado de abandono da senda dos muíños de Dorrón e do paseo fluvial próximo ao polígono de Nantes. "Estes son bos exemplos do 'modus operandi' do señor Telmo Martín, que consiste en anunciar proxectos e obras e, unha vez quitada a foto de rigor, deixar eses lugares abandoados por completo", criticou Leiro. Ademais, destacaron dúas protestas significativas contra o goberno local: a mobilización do 8 de agosto na Praza dos Barcos, con centos de persoas en apoio ao persoal municipal, especialmente aos profesionais do Servizo de Emerxencias, e a oposición veciñal en Bordóns pola ocupación da Casa de Cultura e parte da Praza Manuel Cortés por un negocio privado. Representantes do BNG de Sanxenxo nunha protestaBNG de Sanxenxo Segundo Leiro, a manifestación do 8 de agosto "marcará un antes e un despois" e subliñou que "en ningún outro concello se produciu unha mobilización social tan contundente contra a xestión dun goberno local". Os nacionalistas advirten de que o alcalde segue "tensando a corda" co Servizo de Emerxencias, obrigando aos profesionais a facer gardas con dous ou un só integrante, incumprindo a sentenza que establece un mínimo de tres traballadores operativos.