Rueda solicita que o Exército permaneza para traballos de prevención e limpeza nos montes

Wait 5 sec.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitaba este luns a parroquia de Mougás, no concello de Oia, para avaliar os danos do incendio extinguido o sábado pola noite e insistiu na necesidade de manter a alerta en toda Galicia, malia que a situación máis grave dos últimos días se concentrou en Ourense, afectando tamén a varios puntos de Pontevedra como Santa Cristina de Cobres en Vilaboa. O presidente avanzou que existen indicios de que o lume de Oia foi provocado: "Todo indica, tal e como me comunicou o responsable provincial, que había evidencias de intencionalidade, e polo tanto os incendiarios seguen por aí". Neste sentido, puxo en valor a detención dun presunto incendiario en Arbo e animou as Forzas e Corpos de Seguridade a continuar coas investigacións: "Respectando a presunción de inocencia, quero animar e aplaudir as actuacións, constatando que os incendios se investigan e que se persegue aos incendiarios". O xefe do Executivo autonómico centrou o foco na prevención de riscos derivados unha vez apagados os lumes: "Toca traballar para evitar as escorrentías, que as cinzas comprometan os abastecementos de auga, que os obstrúa e provoquen acumulación e desbordamentos". Rueda agradeceu a colaboración do Exército e da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e pediu que se manteña a presenza de medios militares para axudar nas tarefas de control de perímetros e limpeza. "Agora que a situación está máis calmada, pido que sigan chegando os medios solicitados, sobre todo con maquinaria para labores de limpeza e extinción", apuntou. O presidente confirmou a convocatoria dun Consello extraordinario este venres en Ourense para aprobar un paquete de medidas dirixidas ás persoas e sectores afectados: "As axudas publicaranse de xeito inmediato e poremos os sistemas necesarios para que se tramiten do xeito máis sinxelo posible". Finalmente, reclamou responsabilidade política á oposición: "Espero que a oposición sexa construtiva en todo isto. Non busquemos máis tensión. O que Galicia precisa neste momento son propostas e cooperación para superar esta situación". Alfonso Rueda nunha zona queimada en OiaXunta de Galicia