O Pontevedra Club de Fútbol acudiu este venres á súa cita anual coa Virxe Peregrina. O plantel granate, xunto ao corpo técnico, os responsables deportivos e a directiva, participou na habitual ofrenda floral que marca o arranque dun curso que se espera que sexa ilusionante. A presidenta da entidade, Lupe Murillo, mostrouse optimista de cara á tempada que comeza, na que espera "consolidación na categoría". Recoñeceu que "non é fácil", pero "cando se fichou a este adestrador díxome que viña para acabar no fútbol profesional e a darnos unha solidez e solvencia na categoría que el coñece. Confío no traballo que se está facendo", sinalou. Murillo tamén explicou que o club encara os últimos movementos de mercado co obxectivo de apontoar un plantel ao que aínda lle faltan "tres ou catro fichaxes. O adestrador está feliz co que ten porque é o que pediu, pero aínda estamos a valorar as necesidades tras a pretempada", apuntou. A dirixente destacou tamén que o feito de que as fichaxes se estean pechando máis tarde foi unha "vantaxe" para así poder contar co xogadores do filial . "Deunos tempo a velos en acción, o cal me parece interesantísimo", asegurou, antes de confirmar que espera ter o plantel completado "a semana que vén". Respecto ás sensacións deportivas, a presidenta valorou de maneira positiva todos os amigables disputados até o momento, excepto o celebrado o mércores fronte ao Coruxo en O Vao. "Estivemos probando situacións e posicións que a min non me gustaron tanto, pero son aspectos que se irán mellorando para que na tempada non nos ocorran estas cousas", concluíu. [galleries:vertical:10697]