A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga no Lérez

Wait 5 sec.

A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez. Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e na que participaron o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e Medio Rural. Segundo dixo a conselleira, mantense a medida precautoria adoptada na reunión da Oficina Técnica da Seca celebrada o pasado 7 de agosto ao non advertirse neste tempo cambios significativos nas bacías da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Tamén continúa a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés. Reunión da Oficina Técnica da Seca A conselleira incidiu en que este escenario reflicte o normal descenso do caudal dos ríos desde o mes de xullo, propio á época estival debido á ausencia de choivas e á evaporación pola calor, así como, nalgúns casos, polo aumento de poboación. De feito, o resto de unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa seguen en situación de normalidade cunha ocupación actual dos encoros de abastecemento do 75,90 %, sendo un 4,78 % inferior á ocupación media dos últimos 10 anos, a pesar da falta de precipitacións nas últimas semanas. Durante a reunión, os técnicos analizaron tanto datos meteorolóxicos —os correspondentes ao mes de agosto e as previsións de cara a setembro—, como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, seguindo o establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa. Durante a súa intervención Ángeles Vázquez puxo en valor que a Oficina Técnica da Seca traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza de auga así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable. Nesa liña, incidiu na concienciación cidadá sobre a escaseza de auga e da necesidade de fomentar o aforro, a través de campañas e bandos municipais. Ademais, dentro do espírito de colaboración, apelou á implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia. A maiores, subliñou a importancia de que tamén informen de calquera incidencia que se produza no seu municipio e que puidese agravar a situación.