O último dato oficial ofrecido pola Consellería de Medio Rural é das 20.30 horas do xoves. A esa hora confirmaba que está activo o lume en Vilaboa, onde se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Vilar. A superficie queimada xa superaba a esa hora as 20 hectáreas. Segundo a Consellería, o lume na parroquia de Santa Cristina de Cobres está activo desde as 16.37 horas. Para a súa extinción mobilizáronse de maneira acumulada 5 axentes, 10 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 2 técnicos, 4 helicópteros e 8 avións. Tamén acudiron os Bombeiros do Morrazo, Protección Civil de Vilaboa, efectivos do Parque de Bombeiros de Pontevedra e da Agrupación de Protección Civil da capital. Con gran preocupación seguían as nove da tarde o incendio desde o establecemento de turismo rural Os Areeiros, unha casa familiar restaurada e con máis de 4 séculos de historia e adega propia, que se atopa en Santa Cristina de Cobres. Os donos explican que o lume comezou "cun foco moi pequeno no pobo de Vilar", pero que enseguida "co vento a favor as lapas foron correndo para abaixo" adquirindo maior dimensión e achegándose a outros núcleos como Paradellas, As Cernadas ou Cardiña. "Isto é un drama, tremendo, tremendo", comenta Guillermo, un veciño de Areeiro que cuestiona "a pericia" dos medios de extinción "si que hai bastantes medios, pero non se espera moito", lamenta con resignación. "A verdade é terrorífico", engade antes de marchar. Incendio en Santa Cristina de Cobres Mónica Patxot O incendio sorprende en plenas vacacións a María José e a Vicente, unha parella de madrileños aloxada nesta casa rural que expresan a súa sorpresa por como "se ha ido complicando la cosa". Preocúpalles que "para salir de aquí tienes que cruzar la zona de árboles. Entonces, en este lado de momento está controlado, pero si hay que pasar hacia allí no sabemos hasta dónde puede llegar". Son o nove e media da noite e o resto de clientes desta casa rural optou por marcharse. Son turistas de Salamanca ou de Cataluña. "Casi toda la gente que estaba alojada ha ido recogiendo y está todo metido en los coches por si hay que irse". Cae a noite e ao operativo despregado pola Xunta de Galicia e o Concello de Vilaboa vanse sumado outras persoas de maneira voluntaria pero a súa axuda é rexeitada polos responsables do servizo de extinción. "Eu veño desde Marín. Vino desde a Ría e veño tentar colaborar", comenta resignado un dos voluntarios que conta con formación e tres anos de experiencia neste tipo de situacións de emerxencia. "Isto tenme mala pinta" sinala "unha vez que os medios aéreos desaparecen esta xente queda co cu ao aire". Incendio en Santa Cristina de Cobres Mónica Patxot César, un veciño de Paradellas, rega a zona próxima á súa casa cunha mangueira de uso doméstico. "Estamos co coche preparado para saír por pernas e mollando todo o que podemos", explica. "Collemos documentación, algo de roupa e aos animais". Membros de Protección Civil advertíronlles hai unha hora de que si a situación empeora e as lapas achéganse a un grupo de chalés próximos terían que desaloxar as vivendas. "Desde hai dez anos que estamos a vivir aqui nunca estivera tan preto" indica Cesar xunto á súa muller. Toda esta zona de Vilaboa leva sen luz desde que empezou o incendio. A falta de iluminación pública camplicábao todo e facía máis terrorífica a presenza do lume. Pasadas as dez recuperouse o subministro eléctrico. Incendio en Santa Cristina de Cobres Mónica Patxot A medida que cae a noite, axentes da Garda Civil e das Policías Nacional e Autonómica avisan aos veciños de que van ter que irse. Tamén lles piden os datos dos que están e dos que faltan para terlles localizados. Outros facilitan información que pode resultar de axuda como a presenza de piscinas ou a dispoñibilidade de motobombas. "Isto é un paraíso pero é un polvorín pola cantidade de vexetación e o seco está todo. Pero as vistas...", sostén Javier. A súa casa é "a que máis pegada está ao monte", a construción está "a medio facer" e as vistas da ría son privilexiadas desde esta zona. É a súa segunda residencia, o seu veciño Ricardo alertoulle do incendio "e vinme correndo, porque eu son de Vigo". "Todos somos prexudicados, pero se o lume vén por alí a primeira que o paparía sería a miña", lamenta. Incendio en Santa Cristina de Cobres Mónica Patxot