Quen foron as primeiras actrices galegas? O Museo lémbraas no Día Internacional do Actor e a Actriz

Wait 5 sec.

Tres nomes femininos abriron camiño na historia do cinema galego: Fefa Sandoval, Petra Gaztambide e Marina Fonseca, que xunto a Clara Sobrino, Lola Quiñones e Margarita Berbén conformaron o elenco de "Miss Ledyia", o primeiro filme de ficción producido en Galicia. A película, proxecto de Rafael López de Haro e rodada por José Gil Gil en 1916, marcou un fito na sétima arte galega ao reunir por primeira vez un elenco con protagonismo feminino nunha produción cinematográfica local. Malia que a carreira das actrices na interpretación cinematográfica non tivo maior percorrido posterior, o seu papel resulta fundamental para comprender os inicios do audiovisual galego. O Museo de Pontevedra, que conserva a película orixinal nos seus fondos, destacou este feito coincidindo co Día Internacional do Actor e a Actriz a través das redes sociais. A cinta foi depositada na Filmoteca Española e posteriormente restaurada pola Filmoteca de Galicia, o que permitiu preservar este testemuño dos primeiros pasos do cinema feito en territorio galego. "Miss Ledyia" rodouse na Illa da Toxa, no balneario do río Lérez e tamén na Caeira e en Portosanto, no Concello de Poio. Fefa Sandoval foi a encargada de interpretar a Señorita Ledyia.