O TAD tamén rexeita o recurso do Numancia polo polémico partido contra o Pontevedra

Wait 5 sec.

Punto e final a polémica xerada o pasado mes de marzo no decisivo partido que enfrontou a Pontevedra Club de Fútbol e CD Numancia en Pasarón e que foi chave no ascenso final dos granates a Primeira RFEF. O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) tamén fallou en contra do recurso interposto polo club soriano, pechando así as instancias deportivas de reclamación. Nunha resolución asinada a 31 de xullo o TAD desestima as alegacións do Numancia, que pedía aliñación indebida do Pontevedra polo breve instante no que Yelko Pino pisou dentro do terreo de xogo durante unha contra numantina, no tempo de desconto, tras chocar co árbitro asistente. Ademais na súa alegación ao TAD o Numancia denunciaba unha "conduta dolosa e intencional por parte do xogador", polo que pedía que lle impuxesen seis encontros de sanción. Cabe lembrar que o Comité de Competición foi o primeiro en rexeitar o recurso do Numancia, e posteriormente sucedeu o mesmo co Comité de Apelación, no mes de maio. "Gañounos un equipo que só fai trampas", chegou a acusar tras aquel partido o entón adestrador do equipo soriano, Aitor Calle, nunha dura rolda de prensa. Pasados xa uns meses e apunto de iniciarse a nova tempada, o Tribunal Administrativo do Deporte insiste na súa resolución, tras estudar o caso, que "da proba videográfica achegada polo recorrente non se deduce que exista un erro na acta arbitral". Por iso "non cabe modificar a decisión do colexiado respecto da valoración da acción sancionada" e por tanto "debe desestimarse este motivo de recurso", que pedía que o resultado do encontro fose de 0-3 pola suposta aliñación indebida. En canto á petición de castigo para Yelko Pino "debe reiterarse que a potestade para apreciar e interpretar as regras de xogo corresponde exclusivamente ao colexiado do encontro, de conformidade co artigo 118.3 do Código Disciplinario. Non pode, por tanto, este Tribunal revisar nin modificar a decisión arbitral de sancionar a conduta do xogador cunha amoestación", xustifica o TAD dando carpetazo ao asunto. Pechada a vía deportiva o Numancia só podería agora acudir á xustiza ordinaria para manter aberto o caso, xa que tal e como explica no seu parágrafo final o texto do TAD "a presente resolución é definitiva en vía administrativa, e contra a mesma poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo, con sede en Madrid, no prazo de dous meses desde a súa notificación".