A eurodeputada do BNG Ana Miranda solicitou a inclusión dun debate sobre os incendios en Galicia no pleno do Parlamento Europeo que se celebrará entre o 8 e o 12 de setembro en Estrasburgo. A petición realizouse a través do grupo parlamentar Verdes-ALE ante a grave situación das case 100.000 hectáreas queimadas desde o inicio do verán. Esta cifra supera xa á superficie afectada polos lumes de 2006, o que levou á eurodeputada galega a considerar prioritaria a visita dos comisarios europeos con responsabilidades na materia ás zonas máis devastadas. Miranda enviou cartas ao Comisario de Agricultura, Christophe Hansen, e á Comisaria de Igualdade, Prontitude e Xestión de Crises, Hadja Lahbib, solicitándolles que realicen unha visita a Galicia dada a magnitude dos lumes. A eurodeputada subliña que tanto no debate plenario como nos encontros cos comisarios é fundamental abordar "as carencias na falta de prevención e nas estratexias de resposta" a unha situación que afectou gravemente as comunidades rurais, destruíndo casas, granxas e gando, e devastando sectores clave como a agricultura e a viticultura. Nos documentos remitidos aos comisarios, Miranda denuncia "a xestión ineficaz do persoal de extinción de incendios", sinalando que tanto os fondos como o persoal son insuficientes, traballando con contratos temporais, só de verán, e percibindo apenas o salario mínimo. "Este modelo de emprego precario prexudica a eficacia e a seguridade dos nosos esforzos de extinción de incendios", critica a eurodeputada, que xa alertara do risco de lumes en Galicia durante a sesión plenaria de xullo en Estrasburgo.