Segundo comunicaba INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia) ás confrarías de pescadores, ao redor das 21:00 horas do martes 26 de agosto, as últimas análises realizadas provocaban o peche efectivo (non cautelar) das dúas zonas da ría de Pontevedra que nesa xornada estaban abertas. As cinco restantes xa levaban polo menos unha semana pechadas. O motivo concreto do peche destas últimas zonas foi a detección de ASP, popularmente coñecida como "toxina amnésica", por enriba dos límites legais, o que obriga a prohibir o marisqueo para garantir a seguridade alimentaria e a saúde pública. Con iso, toda a ría de Pontevedra permanece pechada ao marisqueo de moluscos infaunais (ameixas, berberechos, navallas) debido aos niveis elevados de toxinas ASP (Amnesic Shellfish Poisoning: envelenamento amnésico por moluscos), que poden provocar efectos amnésicos e afeccións neurolóxicas. "PARA PECHAR AO DÍA SEGUINTE, MELLOR QUE NON ABRISEN" A situación nas confrarías é de preocupación, xa que estes peches coinciden cun dos meses de maiores ingresos para o sector. César Rodríguez Piñeiro, o patrón maior da Confraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra, fala para PontevedraViva en nome das tres confrarías do interior da ría. "Nós estamos nun plan conxunto das tres confrarías xuntas: Confraría de Lourizán, Confraría San Telmo e Confraría de Raxó", explica. César Rodríguez, patrón maior da Confraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra PontevedraViva - Nestes momentos a ría está pechada ao marisqueo. Na súa área de influencia, como está a situación? C.R.P.: As zonas nosas de marisqueo volveron pechar as dúas. A semana pasada xa estiveran pechadas case toda a semana. O mércores 20 deron ben as análises, o venres 22 tamén, e abriuse o luns 25. Pero o martes 26 volveuse a muestrear, saíu mal, e pola tarde xa pecharon outra vez. Agora mesmo estamos pechados. - É habitual esta situación nestas datas? C.R.P.: Este ano, ata a semana pasada, aínda non pecharan nunca as nosas zonas por toxinas. Noutros anos xa en maio tiñamos o problema e alargábase todo o verán. Este ano veu agora, ao final do verán. O malo é que che teñen unha semana pecho, abren un luns e o martes xa pechan outra vez. É un amolo, mellor que non abrisen. - Cantas persoas se ven afectadas? C.R.P.: Entre marisqueo a pé e á boia deben de ser unhas 350 persoas, contando as tres confrarías do plan conxunto (Pontevedra, Lourizán e Raxó). Non todos traballan cada día porque algúns están de baixa ou se dedican a outras artes, como o polbo. - De que perdas económicas falamos? C.R.P.: Depende da cota e das especies, pero entre marisqueo a pé e á boia pódese facturar unha media de 30.000 ou 40.000 euros cada día de traballo. Este luns 25 recolleuse marisco, pero como a análise deu mal, as depuradoras devólveno e hai que resembralo. E aí sempre morre unha porcentaxe importante, un 20, 30 ou mesmo o 50 por cento. - Que especies estaban a extraerse antes do peche? C.R.P.: Ameixa fina, xapónica e berberecho a pé; e ameixa rubia e carneiro á boia. O carneiro antes non tiña valor, pero este ano chegou aos 22 euros o quilo porque se exporta sobre todo a Italia e Francia. - Era un bo momento para o marisqueo? C.R.P.: Si, o verán é a época forte. En xullo, agosto, setembro e decembro os prezos dispáranse. O berberecho pasou de 3-4 euros antes do verán a 8-10 euros o quilo agora. A xapónica tamén subiu de 7-8 a 14-15 euros. Coa demanda turística soben os prezos, e claro, este peche en pleno verán é un golpe moi duro. "CADA MERGULLADOR PERDE UNS 300 EUROS AO DÍA" Dende Portonovo, na Confradía de Pescadores San Roque o balance é igualmente negativo. "Agora mesmo están todas as zonas pechas da ría de Pontevedra para o marisqueo. Todas pechas", confirman dende a confraría, nunha xornada en que o Intecmar estaba a realizar análises á navalla na zona da Illa de Ons. O martes 26 pola noite clausuráronse as dúas últimas zonas (IV.2 e V), sumando un total de sete áreas pechas, o conxunto da ría de Pontevedra. No caso de Portonovo, o marisco máis afectado é a navalla, extraída por mergulladores. Indican dende o pósito que cada un pode recoller ata 15 quilos diarios, a un prezo de entre 20 e 24 euros o quilo. "Iso supón que cada mergullador perde máis de 300 euros ao día", sinalan. O peche tamén provoca que o produto recolleito antes de coñecerse o resultado das analíticas teña que devolverse ao mar. "Por exemplo, a devolución do martes 26 afectou a nove mergulladores. A depuradora rexistrou que o produto entrou, pero ao non pasar a análise, pedimos autorización á Xunta e haberá que resembralo na zona de orixe. Todo ese traballo pérdese e ademais sempre morre parte da navalla polo traslado", lamentan. Coa totalidade da ría de Pontevedra pecha e sen previsión clara de reapertura, mariscadores e confrarías afrontan días de incerteza e perdas económicas importantes. A esperanza está posta nas novas mostraxes do Intecmar, de cuxos resultados dependerá a volta ao traballo nun dos sectores máis importantes para a economía da comarca.