Medio Rural considera controlado o incendio de Vilaboa

Wait 5 sec.

O incendio forestal que afectou ao municipio pontevedrés de Vilaboa, na parroquia de Santa Cristina de Cobres, quedou controlado ás 11:36 horas de este luns 25 de agosto, tras iniciarse o pasado xoves 21 ás 16:37 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais por parte de Medio Rural, o lume calcinou unha superficie de arredor de 70 hectáreas. O incendio chegou a poñer en risco o núcleo de Vilar, o que obrigou a activar a coñecida como "situación 2", unha medida de emerxencia que se aplica cando hai perigo para zonas habitadas. Afortunadamente, este nivel de alerta foi desactivado o venres, desaparecendo así a ameaza para as vivendas. Para a extinción deste incendio mobilizáronse de xeito acumulado un amplo dispositivo que incluíu 5 técnicos, 26 axentes, 47 brigadas, 42 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións. Ademais, neste lume tivo unha participación destacada a Unidade Militar de Emerxencias (UME), cuxos efectivos estiveron presentes na zona desde o primeiro momento. A ministra de Defensa, Margarita Robles, desprazouse este sábado ata a zona afectada, onde puido observar de preto o traballo dos militares e demais efectivos. A ministra agradeceu visiblemente emocionada o seu labor, destacando que "os militares son moi humildes e nunca presumen do que fan, pero eu si podo". A Consellería de Medio Rural, encargada da coordinación dos medios de extinción, confirmou o control do incendio e continúa cos labores de vixilancia e remate na zona, mentres se mantén a investigación dun veciño como presunto autor do incendio cando estaba realizando unha roza.