A Consellería do Medio Rural confirmou a detección de cinco exemplares de aves silvestres afectadas por influenza aviaria de alta patoxenicidade, os primeiros casos rexistrados en Galicia durante 2025. Entre os focos detectados figura unha gaivota sombría atopada en Bueu, que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade. O Laboratorio Central de Veterinaria de Algete confirmou os resultados tras as análises realizadas aos exemplares, que posteriormente foron eliminados conforme á normativa vixente. Os cinco focos distribúense ao longo do territorio galego: catro gaivotas patiamarelas localizadas en Arteixo, Abegondo e Miño, na provincia da Coruña, e en Foz, na de Lugo. O quinto caso corresponde á gaivota sombría de Bueu, na provincia de Pontevedra. As aves foron trasladadas aos centros especializados de Oleiros (A Coruña), Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e O Veral (Lugo) para o seu tratamento e posterior análise laboratorial. A Consellería comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección dos focos a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria. Ao tratarse de aves silvestres, os casos non supoñen restricións adicionais ás xa vixentes. Actualmente, Galicia mantén medidas de prevención sanitaria específicas nos concellos das denominadas Zonas de Especial Risco: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa (Pontevedra); Cerceda, Ordes e Tordoia (A Coruña); e Xove (Lugo). A Consellería insiste na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, tanto industriais como particulares, especialmente para evitar o contacto con aves silvestres Tamén solicita intensificar a vixilancia e comunicar de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade, a través do teléfono 012 no caso das aves silvestres. A situación epidemiolóxica revísase semanalmente e as medidas poderían modificarse ou estenderse a outras zonas dependendo da evolución da presenza de casos.