Protagonismo absoluto do Poio Pescamar na concentración da Selección Española Absoluta. España iniciou a súa preparación para o Mundial coa súa primeira citación do ano, e nela o conxunto conserveiro marcou un novo fito na súa historia. A Selección completou xa unha semana de preparación con tres vermellas como Elena, Ale de Paz e Noelia Montoro. Esa cifra de futbolistas achegadas á Selección xa a tiña asinado nalgunha outra ocasión o Poio Pescamar, pero unha chamada de última hora supuxo unha nova marca. A seleccionadora Clàudia Pons, anunciou dous cambios na convocatoria antes dos amigables que España xogará contra Marrocos, polas lesións de Anita Luján e Peque. No seu lugar entran Antía Pérez (Bloques Cando Castro) e a conserveira Martita, elevando a catro as xogadoras achegadas polo Poio Pescamar. Unha situación que se dá por primeira vez, como tamén por primeira vez o club da Seca convértese no que máis futbolistas achega á selección nacional. Martita súmase desta forma este luns na citada concentración ás súas tres compañeiras, coa previsión de viaxar o martes a Rabat para o dobre compromiso amistoso ante a campioa de África, os días 29 e 30 de agosto.