Cerca do 95% de todo o rural pontevedrés ten xa rede de saneamento, pero segue existindo un 'punto negro' onde está a custar executala máis do previsto, Verducido. "Estamos a dar os pasos definitivos para completar toda a rede", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que avanzou que o goberno municipal aprobou un proxecto para dotar de saneamento a 67 novas vivendas. Están situadas nos núcleos da Abelleira, Bordel e O Gabián, onde se investirán 1,52 millóns de euros para executar as conexións ao saneamento, é dicir, uns 23.000 euros por cada unha das vivendas. Esta actuación dará continuidade á primeira fase duns traballos que xa conectaron unhas 100 vivendas da parroquia de Verducido. Queda pendente unha terceira fase para dar servizo ás 109 vivendas restantes, aínda que esta atópase actualmente bloqueada pola negativa dun particular a autorizar o paso da canalización por unha leira da súa propiedade. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de PontevedraConcello de Pontevedra Fernández Lores explicou que o goberno municipal está a explorar "todos os métodos posibles" para solucionalo, sen ter que recorrer á expropiación. Sería, previsiblemente, a través dunha figura legal como é a da servidume de acueducto. O obxectivo sería o de reparar unha tubaxe xa existente nesa zona "e estamos vendo a maneira legal de facelo", sinalou o rexedor pontevedrés. Pola súa banda, no núcleo de Fragoso, en Santo André de Xeve, desenvolverase un proxecto singular, en colaboración coa comunidade de montes, que cedeu os terreos necesarios. Trátase da construción dunha depuradora ecolóxica, que emprega plantas e outros sistemas naturais para a depuración natural das augas residuais. Actualmente, está a traballarse na ampliación do camiño de acceso para executar a obra. Lores sinalou que só quedan pendentes de pór en funcionamento dous bombeos en Santo André de Xeve (para 18 vivendas) e en Cerponzóns (para outras 18 vivendas), que están á espera da conexión eléctrica por parte da compañía subministradora.