A saída da etapa 16 da Vuelta Ciclista a España que vai ter lugar o martes 9 en Combarro mobilizará a máis de 3.000 persoas e suporá unha oportunidade única de proxección nacional e internacional para a localidade. A cita deportiva partirá ás 13:05 horas desde a Praza da Chousa, onde se instalará o dispositivo principal de saída con aparcadoiros dos equipos, zonas técnicas, control de firmas e 14 stands de patrocinadores oficiais. Aproximadamente dúas horas antes iniciarase o percorrido da caravana publicitaria, composta por 22 vehículos que atravesará a PO-308 desde Combarro ata A Barca. O alcalde Ángel Moldes destaca que "non se trata unicamente dun evento deportivo, é unha oportunidade única de proxección que vai xerar beneficios a múltiples niveis". O rexedor subliña o importante impacto económico, turístico e mediático que suporá para o municipio, que se converterá nun "escaparate único para amosar ao mundo o noso patrimonio, a nosa cultura e os nosos sectores produtivos locais". A repercusión mediática será extraordinaria, con máis de 1.000 xornalistas e fotógrafos acreditados pertencentes a 305 medios de comunicación de todo o mundo. A retransmisión chegará a 190 países cunha media de 1 millón de espectadores por etapa. Unha das grandes vantaxes para Poio é que o luns 8 será xornada de descanso de La Vuelta, o que significa que tanto a organización como os equipos se instalarán no municipio desde o día anterior, permitindo maior presenza mediática e unha chegada progresiva de visitantes que prolongará o impacto económico máis aló da propia etapa. O Concello leva semanas ultimando os preparativos e coordinando coa Garda Civil, Policía Local e Protección Civil os cortes e desvíos de tráfico necesarios. O dispositivo de seguridade mobiliza arredor de 8.000 efectivos en todo o Estado para garantir a protección dos corredores e do público. Pelotón en La Vuelta 2025La Vuelta Durante os días previos están a desenvolvese actividades paralelas para involucrar a cidadanía, como a decoración de rúas, rotondas e edificios públicos, e a ruta ciclista "Pedalea con La Vuelta" que se celebra este sábado. Desde o Concello anímase a toda la veciñanza e visitantes a encher as rúas para vivir este evento deportivo e social. Os mellores puntos para seguir La Vuelta serán a Praza da Chousa, o paseo das Redeiras, o Porto de Combarro e a PO-308 entre Combarro e A Barca.