O Concello de Cuntis deu un paso firme na súa aposta polo benestar das persoas maiores do municipio. A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Sociser Galicia S.L.U., por un importe de 2,5 millóns de euros. Con esta decisión, o goberno local reafirma o seu compromiso cun servizo esencial para moitas familias, que permite ás persoas maiores permanecer nas súas casas coa atención e os coidados que necesitan. A adxudicación realizouse mediante un procedemento aberto, en cumprimento da Lei de Contratos do Sector Público. Ademais, o contrato non se dividirá en lotes, xa que isto dificultaría a coordinación e correcta execución do servizo. O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destaca a importancia deste programa, especialmente nun contexto de envellecemento da poboación que afecta non só a Cuntis, senón a moitos pequenos municipios galegos. "É un problema que nos preocupa e que nos obriga a actuar. Por iso impulsamos políticas e programas que protexan e coiden aos nosos maiores". Para acceder a este servizo municipal, o primeiro paso é contar cunha valoración da área de Benestar Social, que determine o grao de dependencia da persoa solicitante. Campos recoñece que manter este programa supón un importante esforzo económico para un concello pequeno como Cuntis, pero asegura que non se expoñen dar un paso atrás, "temos moi claro que a nosa prioridade son as persoas. Os nosos maiores merecen este esforzo para que poidan seguir vivindo nas súas casas coa mellor atención posible. Este servizo é irrenunciable para nós". Finalmente, o alcalde e o seu equipo de goberno insisten en reclamar á Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades neste ámbito, xa que consideran que son os concellos os que están a soportar un custo económico que debería ser competencia autonómica.