A Deputación de Pontevedra destinará 50.000 euros á posta en marcha do Trail Entre Castelos Rías Baixas. Será unha actividade totalmente gratuíta que se organizará previsiblemente na primavera, por vez primeira na provincia, para impulsar o turismo activo e dar visibilidade ao patrimonio. Esta actividade desenvolverase ao longo de dúas xornadas. Na primeira, centrada na mocidade, terá lugar unha carreira infantil, actividades promocionais, unha charla e un adestramento con influencers do ámbito deportivo, e, na segunda, unha camiñada popular e a carreira principal entre o castelo de Sobroso e o de Soutomaior, así como o acto de entrega de premios. Está previsto que no Trail Entre Castelos Rías Baixas participen ao redor de 1.000 persoas. Disporase, para trasladar as persoas participantes entre os distintos puntos do percorrido, un servizo de lanzadeira e ofertarase unha ludoteca con monitores especializados para o coidado de nenos, co fin de facilitar a participación das familias e garantir unha experiencia cómoda e inclusiva. A Xunta de Goberno deste venres acaba de aprobar a adxudicación do servizo de organización e execución desta actividade que se enmarca no Plan de Comunicación dos Castelos de Sobroso e Soutomaior e intégrase na Estratexia Rías Baixas Turismo 61. Segundo asegurou o presidente Luís López "para nós deporte e turismo van da man e estamos convencidos de que esta proba de trail running permitiranos seguir avanzando na ampliación da oferta turística da provincia e na desestacionalización".