A empresa SFX Events comezou o reembolso das entradas do concerto de Juan Luís Guerra do pasado 19 de xullo en Sanxenxo. Aquel día o público asistente só puido gozar de corenta minutos do concerto debido a que o espectáculo tivo que ser suspendido polas fortes choivas. Mes e medio despois a produtora informou aos afectados, mediante un correo electrónico, que xa iniciou o proceso de devolución do importe das entradas adquiridas. "Desde este martes comezamos a efectuar as devolucións de maneira progresiva. Por motivos operativos e de xestión bancaria, estas estanse realizando en bloques de aproximadamente 1.500 entradas cada día", explica a promotora do evento nun comunicado. "Se aínda non recibiu o reembolso, pedímoslle un pouco de paciencia, xa que nos próximos días debería verse reflectido no mesmo método de pago utilizado na compra", engade SFX Events. "Lamentamos profundamente as molestias ocasionadas e agradecemos sinceramente a súa comprensión. Estamos a traballar para que todos os clientes reciban o seu reembolso canto antes". Segundo anunciouse no seu día, vendéronse unhas 15.000 entradas.