Vilaboa reclama reformas legais para afrontar as competencias impropias en prevención de incendios

Wait 5 sec.

O recente incendio forestal rexistrado no monte de Vilaboa volveu a pór de manifesto a urxencia de reforzar as tarefas de prevención durante todo o ano. Desde o Concello de Vilaboa, o alcalde César Poza alerta de que estes labores, fundamentais para a seguridade veciñal, superan a capacidade operativa e económica da administración local. Poza denuncia que, como sucede con outras competencias impropias, o cumprimento da lei que obriga a manter limpas as franxas de seguridade forestal supón un esforzo económico e administrativo que os municipios como Vilaboa non poden asumir en solitario. Entre as medidas que expón, o rexedor propón modificacións lexislativas que faciliten aos concellos a contratación de empresas externas para a execución de tarefas concretas, así como a ampliación de convenios como o de Xeaga para municipios que requiran estes servizos. Desde novembro do pasado ano, Vilaboa conta cun técnico interino de Medio Ambiente, Rodrigo Fernández, centrado exclusivamente na prevención de incendios. Á súa chegada, atopouse con máis de 400 expedientes abertos, na súa maioría iniciados por denuncias de veciños. Fernández explica que o seu labor se basea en facer cumprir a normativa autonómica, que esixe manter unha franxa de 50 metros libre de maleza e de especies pirófitas —como eucaliptos, piñeiros ou mimosas— tanto nos núcleos urbanos como nas vivendas illadas. Estas franxas son a primeira barreira natural para frear o avance do lume, segundo lembra. O procedemento arrinca coa notificación ao propietario da parcela. Na maioría dos casos, segundo o técnico, contouse coa colaboración voluntaria. Con todo, o proceso retárdase pola necesidade de solicitar permisos de talla e contratar madeireiros, que non sempre aceptan retirar pequenos volumes de madeira debido ao alto custo. Nos casos nos que non hai resposta, o Concello inicia un proceso de multas coercitivas trimestrais, que poden derivar en sancións executivas. Actualmente, hai uns 80 expedientes aínda en fase de resolución. Un dos principais obxectivos do Concello para este inverno é eliminar especies pirófitas das parcelas onde non está permitida a súa plantación. Nese sentido, o técnico insiste na importancia da implicación cidadá. O alcalde tamén agradece a colaboración veciñal e anima á cidadanía a alertar ao Concello en caso de detectar parcelas en mal estado: "Nun municipio tan extenso como o noso necesitamos traballar conxuntamente e temos por diante un inverno que debemos aproveitar para executar tarefas preventivas", afirma Poza. No entanto, o rexedor volve incidir nas dificultades administrativas que retardan o traballo: "Cada un deles significa un amplo proceso dende a apertura, o seguimento, revisións, podendo pasar meses ata o seu peche. Un proceso moi laborioso, lento, necesitado de persoal e que se ve agravado moitas veces polas dificultades de atopar aos propietarios ou con situacións de propiedade descoñecida alargando e complicando aínda mais o procedemento". Desde o goberno local reiteran que sen unha reforma legal e recursos suficientes, os Concellos pequenos seguirán asumindo tarefas que non poden xestionar con eficacia, a pesar do seu impacto directo na seguridade das persoas e do territorio.