O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, referiuse este venres á convocatoria de actos de protesta durante o paso por esta provincia de La Vuelta ciclista a España. Diversos colectivos e organizacións sociais, liderados pola asociación Galiza por Palestina, convocaron mobilizacións contra a participación nesta competición ciclista do equipo Israel-Premier Tech. "Se alguén quere manchar o nome das Rías Baixas, espero que co ocorrido o outro día no País Vasco se lle pasasen todas as dúbidas", dixo este venres Luís López. O presidente da Deputación de Pontevedra aludía á mobilización en Bilbao en solidariedade con Palestina que logrou paralizar unha etapa de La Vuelta. "Todas as protestas son lexítimas, pero o que non é lexítimo é que se poña en risco a seguridade e a vida de deportistas", engadiu o mandatario provincial na súa resposta aos xornalistas. O cartel co que Galiza por Palestina chama a repetir nesta comunidade as protestas que se foron sucedendo nas diferentes etapas desta proba deportiva di: "Israel fuera de La Vuelta. No al apartheid. No al genocidio. Denuncia, boicot, movilización!". "Insisto no tema, a importancia da vida das persoas, neste caso, de ciclistas", reiterou o presidente da Deputación. "Sabedes do que falo, que ir nunha bici, pois, calquera pequeno imprevisto pode provocar un desenlace fatal", engadiu. O presidente provincial espera que neste "espectáculo fantástico" de La Vuelta a "protagonista" sexa Pontevedra e que a cidadanía poida "desfrutar dos mellores ciclistas", recalcou. APOIO DO BNG Pola súa banda o BNG expresou o seu apoio a estas convocatorias realizadas "para visibilizar a solidariedade co pobo palestino e denunciar o xenocidio e de limpeza étnica que está a ver a cabo o estado sionista de Israel". A primeira das convocatorias terá lugar o luns 8 ás 20.00 horas na praza da Peregrina e a segunda, o martes 9, ao paso de La Vuelta ciclista por Poio e Pontevedra, na que, "ademais de denunciar o xenocidio, esixirase a expulsión da competición do equipo Israel-Premier Tech". Desde o BNG animan á cidadanía a participar nestes actos con bandeiras e/ou simboloxía palestina, "para mostrarlle ao mundo que o noso é un pobo pacífico, solidario e que condena a barbarie israelí". No caso de La Vuelta ciclista os puntos de encontro son a rotonda da Ponte da Barca e a rotonda de Manuel de Palacio (12.15 horas) e o cruzamento de Pierres, en Arcade (13:00 horas).