O presidente da Deputación de Pontevedra; Luís López anunciou este venres a aprobación dunha nova oferta de emprego do Consorcio Provincial para a Prestación do servizo contra Incendios e Salvamento, xestionado a partes iguais polo goberno provincial e a Xunta de Galicia, que alcanza 21 prazas. Nunha comparecencia de prensa, Luís López recoñeceu o labor destes profesionais nos incendios forestais deste verán e, especialmente, a súa resposta ante "a chamada de solidariedade da provincia de Ourense". Dito isto, López remarcou os pasos "reais" impulsados polo actual goberno provincial "para solucionar as deficiencias de recursos humanos que non veñen de agora, senón de hai moito tempo". Segundo detallou o presidente son 19 prazas de persoal laboral e 2 de persoal funcionario que elevarán o persoal até as 93 persoas. Estas novas prazas distribúense en 17 para bombeiros condutores da categoría C2, 2 xefes de parque da categoría C1, 1 administrativo (funcionario) e 1 técnico de relacións laborais (funcionario). "Este goberno está a dar pasos reais, avanzando a través dun marco de diálogo honesto, leal e sereno", declarou Luís López que lembrou que xa se asinou o primeiro convenio colectivo do organismo e tamén unha nova Relación de Postos de Traballo, que serviron para desconvocar en febreiro a folga. O presidente da Deputación de Pontevedra incidiu en que "herdamos un Consorcio sen convenio colectivo e hoxe aprobámolo e herdamos un Consorcio sen Relación de Postos de Traballo actualizada e agora está aprobada e creamos 21 prazas". Neste sentido, Luís López remarcou a importancia destes avances que "servirán para ter un servizo mellor dotado e máis preparado para atender calquera eventualidade". XUNTA DE GOBERNO Nesta mesma comparecencia Luís López deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial celebrada á primeira hora da mañá na adxudicáronse novos recursos do Plan +Provincia. Nesta ocasión, Moaña beneficiarase de 254.000 euros para a humanización da travesía da estrada da praia de Meira, e pola súa banda, Bueu recibirá preto de 170.000 euros cos que poderán construír muros de contención no lugar da Graña e mellorar un camiño na Roza. Luís López tamén informou da aprobación dunha nova liña de axudas da Deputación dotada con 200.000 euros para que as agrupacións musicais da provincia sen fins de lucro adquiran e reparen instrumentos e vestiarios.