Ribadumia iniciará o curso escolar cos deberes feitos

Wait 5 sec.

O Concello de Ribadumia informa con satisfacción que xa finalizaron os traballos de posta a punto nos centros escolares públicos do municipio. Así, o novo curso poderá comezar cos deberes feitos, tanto nos centros rurais agrupados (CRA) como no Centro Público Integrado Julia Becerra Malvar, que acolle as etapas de infantil, primaria e secundaria. Segundo acredita o Concello, os espazos atópanse "en perfectas condicións para a volta ás aulas" neste novo curso académico. As actuacións realizadas incluíron traballos de mantemento xeral, pintado de aulas e espazos comúns, reordenación de mobiliario e revisión das luminarias. Tamén se acometeron outras melloras que permitirán garantir o bo uso das instalacións por parte do alumnado e o profesorado. Ademais, o Concello tamén levou a cabo labores de pintado e posta a punto nas instalacións municipais onde se localiza o servizo de conciliación familiar da Escola de Lecer e o Plan Madruga. Estes traballos tamén se realizaron no comedor escolar e o ximnasio, asegurando deste xeito que estes servizos se presten en condicións óptimas de comodidade e seguridade para os nenos do municipio. O goberno local manifestou que con esta posta a punto, continúa traballando para que os nenos de Ribadumia poidan dispor de "espazos axeitados, seguros e confortables para a súa aprendizaxe e desenvolvemento".