Rubén Domínguez, ante o choque contra a Ponferradina: "Non temos medo a nada. Imos confiados e con enerxía"

Wait 5 sec.

No Pontevedra "temos claro onde imos". Os granates visitarán este sábado (19:00 horas) o campo do Toralín, o feudo da Ponferradina, e o seu adestrador, Rubén Domínguez, cre que é un do "catro ou cinco equipos" que optan a ser campións de Primeira RFEF. Pero a pesar da dificultade do encontro, Domínguez afirma que "nós non imos renunciar a ningún partido nin a ningún punto que poidamos conseguir". "Queremos facer un bo partido e dar a sorpresa", sostivo o técnico do Pontevedra, que se mostrou "totalmente convencido" de que o equipo competirá "a alto nivel". Reiterou que viaxarán a Ponferrada "moi confiados" co plan que trazaron para o partido durante toda esta semana e coa "enerxía que nos deu Pasarón o outro día", que fai que os granates "non temos medo a nada". Espera atopar enfronte a un rival "que nos vai a tensar" no centro e contraataque, ao que se sumará unha afección que "empuxa" e creará unha "sensación de caldeira". Pero para os granates será un "bo termómetro" para ver "como de competitivos somos en situacións adversas". Con respecto ás catro fichaxes chegadas esta semana, Marcos Denia, Tiago Rodríguez, João Resende e Álex Compa, o adestrador do club asegurou que "chegaron ben" e achegan "versatilidade" ao equipo e "máis enerxía" pola curta idade que teñen todos eles. Xunto cos xogadores que xa estaban, segundo Rubén Domínguez, "conformamos un bo bloque" composta por xente "moi comprometida e que son boas persoas". Destacou ademán que son "moi competitivos" e que "van a full" con todo o que se lles propón. Na faceta propiamente deportiva, Domínguez apuntou que este persoal ten un "bo nivel técnico" e na que hai xogadores "con moita fame" e cunha mentalidade forte coa que espera dar forma a un Pontevedra "que faga gozar a Pasarón". Para este partido contra a Ponferradina, o míster pontevedrés terá dispoñibles a todos os seus efectivos, fóra de Garay, que se está recuperando das fracturas no rostro que sufriu durante o debut ligueiro contra o Cacereño. A preguntas dos xornalistas, o adestrador do Pontevedra non eludiu a polémica que xerou a suspensión do partido que debía enfrontar este fin de semana ao Racing de Ferrol co Real Madrid Castilla, solicitada polo equipo madrileño. "Se me chega a tocar a min estaría moi cabreado", asegurou Rubén Domínguez, porque "ninguén ten a culpa de que un equipo teña nove internacionais e que non haxa parón de xanelas internacionais nesta categoría". Se alguén ten tantos xogadores estranxeiros, engadiu, "é o que hai e o partido debería de xogarse" porque, neste caso concreto, "tamén teñen o Real Madrid C e o equipo de División de Honra". En todo caso, recoñeceu que hai que "aceptar" a decisión de Federación de aprazalo xa que "son os que marcan as regras do xogo e os demais temos que asumilo".