Pontevedra renovará todos os colectores do municipio

Wait 5 sec.

Pontevedra comezará esta semana a substitución progresiva de todos os colectores de recollida de residuos do municipio por modelos novos, máis modernos e accesibles. O cambio comeza esta mesma semana, e os primeiros en dicir adeus serán os colectores azuis, onde se deposita o papel e cartón. A renovación arranca na rúa San Mauro e estenderase durante unhas cinco semanas, abarcando tanto o centro urbano como as parroquias. Cada vez que se instale un novo colector, retirarase o antigo, limparase a illa de colectores e fixaranse os novos ao solo (este último paso farase cando todas as illas estean completas). En total, instalaranse preto de 4.000 novos colectores, que xa se están preparando nas instalacións da empresa PreZero, concesionaria do servizo. Os novos colectores foron deseñados por Formato Verde, unha empresa galega especializada en solucións para a recollida de residuos. As primeiras rúas que verán estes cambios, ademais de San Mauro, son: A Carrasqueira, Loureiro Crespo, avenida de Lugo, rúa Estrada, Virxinia Pereira, Maruja Mallo, Diego Sarmiento, Benito Corbal, Sagasta e a Peregrina. Tras completar a substitución dos 496 colectores azuis, o plan continuará cos amarelos (envases lixeiros), grises (fracción resto), verdes (vidro) e marróns (residuos orgánicos). Os novos recipientes terán unha capacidade de entre 2.800 e 2.900 litros, lixeiramente superior á actual. Instalaranse dous modelos distintos: un de tamaño estándar para áreas urbanas e outro máis estreito, pensado para zonas rurais con limitacións de espazo. Ademais, os colectores para vidro e orgánico serán en xeral máis estreitos, especialmente no rural, debido ao peso do vidro cheo (que pode superar a tonelada) e á necesidade dunha recollida máis frecuente dos residuos orgánicos. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que esta renovación representa "un salto adiante importantísimo para a xestión de residuos", e lembrou que os novos colectores están adaptados ao "modelo Pontevedra": máis baixos, accesibles e sen interferir nos pasos de peóns. Ademais, fixo un chamamento á cidadanía para colaborar neste cambio: "Se os residuos sepáranse, son recursos. Se non, son bombas de reloxaría". Unha vez finalizada a instalación, o Concello porá en marcha unha campaña de sensibilización, así como accións informativas e formativas para fomentar o bo uso dos novos colectores. Todo iso acompañado dun control e seguimento por parte de PreZero e a inspección municipal.