A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo este xoves dúas reunións de traballo cos alcaldes de Cuntis, Manuel Campos Velay, e de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Os encontros tiveron lugar esta mañá na delegación territorial da Xunta en Pontevedra e contaron tamén coa participación do director territorial da Consellería, José Manuel González, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Durante as reunións, a conselleira e os rexedores analizaron diferentes actuacións en materia de infraestruturas consideradas de interese para ambos municipios. A Xunta destacou nun comunicado que estas reunións se enmarcan na "liña de colaboración" que o Goberno galego mantén cos concellos, "prestándolles apoio para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica". O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, detallou que un dos asuntos a tratar foi a situación da Rúa Convento, no casco urbano. Campos Velay solicitou á representante do Ente autonómico a implicación da Xunta de Galicia para completar o tramo de beirarrúas que está pendente nesta parte da PO-220. Tal e como lembrou o rexedor cuntiense, o Concello foi quen asumiu, con fondos propios, a dotación de espazos peonís no resto da vía. A intención do Goberno local é que sexa a Consellería quen asuma a dotación de beirarrúas no tramo restante, duns 200 metros de extensión. A adminisitración local remitirá unha memoria técnica que a conselleira se comprometeu a estudar unha vez o reciba. Sen saír do eido da seguridade viaria, na reunión tamén se abordou o estado da PO-226 no lugar de Meira. O alcalde de Cuntis explicou que a Xunta de Galicia acometeu recentemente traballos de mellora do pavimento nesa zona, unha actuación que incluíu a dotación dunha liña punteada, a modo de aviso de saídas de carril. "O problema é que esa liña produce moito ruído e xera moitos problemas á veciñanza, especialmente polas noitas, polo que trasladamos á conselleira unha petición para que retiren esa liña", indicou Campos, que tamén confirmou que o Concello trasladará unha memoria técnica á Consellería para acometer o reforzo da seguridade viaria en Meira, a través dun convenio de colaboración. Por último, durante a reunión o alcalde deu a coñecer o proxecto que o Goberno local elaborou para rehabilitar as catro antigas casas dos mestres, situadas nas proximidades do Consistorio, para convertelas en vivenda pública. A conselleira explicou que a principios de 2026 a Xunta de Galicia habilitará unha liña de axudas para promover este tipo de actuacións e animou ao Concello a solicitar unha achega para facer realidade este proxecto. Manuel Campos valorou satisfactoriamente este encontro e puxo o foco na importancia de que "máis alá de cores políticas todas as administracións vaiamos na mesma dirección para dar resposta a demandas que nos traslada a veciñanza". María Martínez Allegue, Andrés Díaz e Agustín Reguera Xunta de Galicia