Vía libre á reforma "que Mollavao merece": o novo baipás e a humanización de Rosalía de Castro

Wait 5 sec.

"Por fin", recoñeceu o alcalde de Pontevedra, a gran reforma "que Mollavao merece" ve a luz ao final do túnel. O goberno municipal iniciou os trámites para sacar esta actuación a contratación. Así o anunciou este xoves Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou as "moitas vicisitudes" polas que pasou este proxecto. "Houbo que facer presión en Madrid, botando man do pacto de investidura porque houbo risco de que non saíra", sostivo o rexedor pontevedrés, en relación á tramitación con Costas do novo viario que unirá Rosalía de Castro e a Avenida de Marín. Ese será un dos eixos desta actuación. O outro, a ansiada humanización de Rosalía de Castro e dunha das súas rúas perpendiculares, Simón Bolívar. Ambas as obras contrataranse de forma conxunta, confirmou Fernández Lores, para que sexa unha única empresa a que execute estes traballos, mellorando así a coordinación. Nesta "revolución" urbana para Mollavao, o Concello investirá máis de 3,7 millóns de euros. De todo ese diñeiro, 2,44 millóns serán para a reurbanización do barrio, coa reforma de Rosalía de Castro e Simón Bolívar, e 1,28 millóns para a nova estrada -esta última pagada con cargo ao convenio coa Deputación-. O prazo de execución de todo este proxecto está fixado en doce meses. "Para min foi un empeño persoal, porque o barrio meréceo", asegurou o alcalde de Pontevedra, que recoñeceu que era, probablemente, unha das zonas da cidade "que estaba peor" ao apenas actuar sobre ela. REFORMA DE ROSALÍA DE CASTRO Con respecto á actuación principal, a reforma integral de Rosalía de Castro, entre María Victoria Moreno e a ponte do tren, o alcalde indicou que as beirarrúas pasarán a ter até tres metros de ancho. Terá sentido único cara a Marín e pasos de peóns elevados. Esta intervención permitirá crear zonas de coexistencia xunto á Praza de Mollavao e ao colexio Juan Sebastián Elcano. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro, que pasarán a estar só dun lado da rúa, e renovaranse todos os servizos soterrados. A instalación de novo mobiliario urbano, a renovación da iluminación pública ou o acondicionamento de zonas verdes en todo o trazado completarán a obra. A todo iso sumarase a reforma de Simón Bolívar, a rúa que dá acceso á Casa do Mar, que terá uns estándar similares á reurbanización de Rosalía de Castro. NOVO BAIPÁS CARA Á RÍA Pola súa banda, o novo baipás cara á ría, un viario que terá 97 metros de lonxitude, contribuirá, destacou Miguel Anxo Fernández Lores, a rehabilitar unha zona "degradada" e na que se desenvolverá unha actuación que permita mellorala ambientalmente. O trazado desta estrada incluirá carrís de 3,5 metros, dúas rotondas nos extremos, pasos de peóns elevados e beirarrúas de tres metros a cada lado para favorecer o tránsito peonil. A velocidade estará limitada a 30 quilómetros por hora e os ciclistas compartirán calzada cos coches.