A maioría absoluta do PP permite aprobar unhas contas provinciais marcadas pola polémica cos grupos da oposición

Wait 5 sec.

A Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria, á aprobación inicial das contas do organismo provincial para o vindeiro ano 2026, grazas os votos favorables dos deputados do Partido Popular e o rexeitamento dos deputados dos grupos do PSOE e do BNG. Trátase do Orzamento máis alto da historia da Deputación, que se sitúa nos 238,6 millóns de euros, 29 millóns máis que o do presente ano 2025. Dende o equipo de goberno o deputado do Partido Popular Jorge Cubela defendeu que este documento "afonda no municipalismo instaurado polo goberno que dirixe Luis López" ao destinar a todos os concellos un terzo do orzamento, "porque non somos unha provincia de dúas cidades, nin de 59 concellos. Somos unha provincia de 61 concellos", subliñou o voceiro. Cubela tamén destacou que estas contas reforzan áreas "estratéxicas" para o executivo provincial como o deporte, o turismo, o benestar social ou as infraestruturas. Bancada da oposición no pleno provincial PSdeG-PSOE Pola súa banda, o Grupo Socialista criticou ao PP porque "presume de orzamento mentres recorta en Igualdade, Cultura e Políticas Sociais e segue sendo incapaz de executar o que planifica", dixo a deputada portavoz Ana Laura Iglesias. Na súa intervención afirmou que este orzamento "é un documento sen ideas nin políticas transformadoras", que está "sustentado no bo facer do Goberno de España" pero "lastrado pola ineficacia e o sectarismo do PP provincial". O PSOE esgrimiu os datos oficiais da Intervención para asegurar que a Deputación acumula xa arredor de 300 millóns de euros en remanentes "pola súa incapacidade para xestionar", con taxas de execución "ridículas" en áreas como Infraestruturas (só 5 millóns executados dos 23 orzamentados para estradas provinciais) ou seguridade viaria (10 millóns de 18,5). Intervención do deputado do BNG, César Mosquera BNG O Grupo provincial do BNG tamén denunciou na sesión plenaria que 13 dos 14 convenios de urbanizacións de estradas provinciais asinados pola Deputación nos dous últimos anos beneficiaron a concellos do Partido Popular. O voceiro nacionalista César Mosquera, subliñou que o PP está a utilizar a institución para "favorecer a concellos nos que está na Alcaldía" e tamén para "vender" axudas e subvencións a asociacións e colectivos "a través de concelleiros 'populares' na oposición para o seu beneficio directo e partidista". O Bloque votou en contra dos Orzamentos para 2026 pola "demolición" de áreas como Igualdade, Lingua, o Plan Revitaliza de xestión de residuos, polo "baixón do 40% nos fondos para o Museo" e pola "discriminación" nas transferencias a Pontevedra. Insistiu en que o goberno provincial está "puteando" á capital ao deixala por detrás doutros dez concellos da provincia nos cartos que a institución transfire directamente ao Concello. "A coincidencia da presidencia na Deputación coa presidencia do PP provincial -do presidente Luís López- está a crear conflito porque vaise máis por reforzar a estrutura do PP que pola Deputación", lamentou Mosquera.