Adoitamos crer que hai cousas que, a nós, non nos pasarán. Nunca. Non como a outros. Ata que nos pasan. Exactamente como aos demais. Sobre esa idea xira Mil cosas (Editorial Anagrama), a nova novela de Juan Tallón (Vilardevós, Ourense, 1975). Antes de presentala ante os seus lectores na Libraría Cronopios, Tallón conversou con PontevedraViva para debullar unha historia sobre o peso do cotián, sobre ese estilo de vida "no que non temos tempo para nós ou para facer as cousas que nos gustaría facer". Faino a partir dunha parella afogada pola tensión e a ansiedade do día a día e que, a medida que vai avanzando a trama, "vese envolvida nunha especie de bóla de neve que cada vez vai máis rápido". Como gran parte dunha sociedade que vive, segundo o autor, "demasiado acelerada". Dirías que Mil cosas é unha novela sobre a cotidianidade? É un libro sobre unha cotidianidade perniciosa. Unha parte importante da sociedade está instalada na aceleración, nunha vida absolutamente demandante de acción. Nós parece que nos estamos limitando a dar cumprimento a unha orde que non está claro onde nos chega. Quizá é o sistema capitalista. Dinnos fai, consume, produce e entretente. Pero, sobre todo, non permanezas de brazos cruzados, non penses... E así se vai destruíndo a nosa capacidade para distinguir as cousas que nos proporcionan pracer ou que nos dan tranquilidade. Xa non sabemos onde está o importante. Arrecian tantas cousas sobre nós cada día que tentamos dar resposta a todo. Todo ten o sinal de importante, de urxente, de vida ou morte e non é así. Pero como xa non sabemos distinguir, temos que sacalo todo adiante. Vivimos nunha sociedade que nos anestesia como cidadáns? Si, porque nos ten permanentemente desconcentrados e cada poucos segundos atentos a unha cousa diferente. Son tantos 'inputs', tantas cousas que demandan a nosa atención, que a nada lle podemos dedicar o tempo que requiriría. Imos pasando dunha a outra. Ese exceso de atención en realidade é unha forma de desatención, porque cando estás atento a todo non estás atento a nada. Estamos obnubilados por esa oferta descomunal que temos. Estamos anestesiados polo modelo de consumo e de produción do que nos dotamos. Os protagonistas desta historia, a parella formada por Travis e Anne, son persoas ás que a inercia lles dirixe a vida, non? Vanse deixando levar polo que ocorre ao seu ao redor Son como esa bolsa de plástico de 'American Beauty'. Azoutados continuamente por algo. Son incapaces de deter ese ritmo frenético da súa vida diaria. Por iso creo que é fácil que nos identifiquemos moito con calquera dos dous, porque estamos a vivir da mesma maneira. Estamos instalados nese estilo de vida no que non temos tempo para nós ou para facer as cousas que nos gustaría facer. Os donos do noso tempo son outros. Estamos nesa inercia de atender a todo e quedámonos expostos a que nos pase calquera cousa. Juan TallónCristina Saiz Eles mesmos sorpréndense cando se apartan dese camiño 'do correcto', do que se espera deles, e estalan. A súa primeira reacción é sentirse mal... Ao vivir tan exasperadamente, os personaxes teñen reaccións intempestivas. Noutra situación non reaccionarían así. Ademais de non saber cales son as cousas importantes, tampouco saben como hai que encarar determinadas situacións. Por iso reaccionan de forma equivocada. Cres que nos desborda o ritmo actual de vida que reflictes nesta novela? Si, creo que estamos absolutamente desbordados. E sen necesidade de estar a facer cousas extraordinarias. Estamos desbordados pola acumulación de pequenas cousas ás que decidimos, ás veces non voluntariamente, facer fronte. Chegar ao final do día é dificilísimo. No caso dos personaxes, a pesar de que ao día seguinte comezan as súas vacacións e todos coñecemos esa sensación de que 'nada do que poida ocorrer hoxe vaime a afectar porque mañá empeza o bo', resulta que ese percorrido é demasiado longo, mesmo inacabable. Convivimos a diario coa tensión e a ansiedade. Normalizámolos como parte da nosa existencia? Sobre todo nos ámbitos máis urbanos onde, ademais cumprir con todo o que temos que dar, están os desprazamentos, as cargas familiares ou unha relación cada vez máis problemática co traballo. Diso falo na novela. De como nos relacionamos co noso traballo. Tampouco axuda o feito de que esteamos hiperconectados, non? Que todo o teñamos a man cun teléfono móbil. Que contestemos chamadas ou correos de traballo acotío O traballo desbordou o espazo e o tempo laboral. Podemos seguir facendo cousas desde calquera sitio. Foi como unha mancha de aceite que se foi estendendo. A nosa oficina pode chegar a ser o simple teléfono que levamos connosco no peto. Xa o dicía Rafael Argullol. Internet e o teléfono móbil son dous grandes inventos que, cando se uniron a través do 'smartphone', esclavizáronos absolutamente. Pensabamos que poder facer todo desde o teléfono, sen estar atado a un oficina, a un horario ou ao que sexa, íanos a facilitar a vida. E o que conseguiu é precisamente o contrario. Vivimos sometidos e alienados polo teléfono. As nosas mans xa non necesitan a orde da cabeza para ir cara a el. Buscámolo case como unha parte máis do noso corpo. Temos que estar ao consultar todo o intre, ver que é o que pasa, o que nos chega... Hai unha parte do noso cerebro que se deslinda sempre cara ao teléfono móbil. Juan TallónCristina Saiz E chegados a este punto, cres que poderá haber volta atrás? Non imos volver a cando viviamos plácidamente sen estar conectados todo o tempo. Non imos converternos de súpeto en individuos dos 80. Pero temos que pensar que imos facer para salvarnos. Non podemos seguir vivindo esclavizados polo teléfono móbil. É un pouco desalentador que a capacidade para facer algo sexa unha acción individual. Creo que a única forma de salvarnos é tomar decisións que nos liberen como sociedade. Que nos fagan non estar absolutamente conectados ao teléfono ou enganchados ás redes sociais e perdendo miserablemente o noso tempo. Iso fai que ao final do día non consigas nada. En Mil cosas sobrevoa tamén a idea do despedimento, pero desde unha dobre visión. El, temeroso. Ela, case como unha liberación Co traballo temos sempre unha relación de medo. Hai un medo fundamental a perder o traballo. É unha pantasma que nunca desaparece. E non só porque o poidas perder, senón tamén porque te estanques. E hai medo a traballar e que, a pesar diso, vivamos na pobreza porque o custo da vida cada vez é máis alto. Iso pásalle, sobre todo, a Travis. Creo que Anne está menos atosigada. Está menos alienada polo seu traballo. É capaz de expor que quizá o traballo que ten non é o que quere nin o que lle fai sentirse ben consigo mesma. Hai entra a pregunta, pódese cambiar de vida? É o soño recorrente de todos cando non estamos a gusto coa nosa situación profesional ou mesmo persoal. En que medida podo romper con todo e comezar de cero? Porque necesitas certa seguridade económica. Ese medo nos atenaza. Somos moi conservadores nese sentido. Ao longo de toda a novela hai unha sensación de tensión crecente. Sabes que algo vai estalar, pero non sabes que. Foi buscada ou saíu a medida que ías dando forma á historia? Si, sen dúbida. O lector non pode conformarse cunha novela na que non estea a pasar nada. Mil cosas está escrita para que o lector sospeite que, cando non está a pasar nada, en realidade está a fraguarse o espanto, guiados por esa enorme velocidade á que transcorren as cousas. Acabas envolto e formando parte dunha especie de bóla de neve que cada vez vai máis rápido. É inevitable que o lector sinta esa ansiedade. A novela avanza nunha dirección que, ao acabar, resignifica todo o que estivo pasando. Juan TallónCristina Saiz E, sobre todo, entender que moitas veces pensamos que determinadas cousas a nós nunca nos van a pasar. Ata que ocorren A novela está construída sobre esa pregunta. Que ten que pasar para que as cousas que nunca imaxinariamos que nos puidesen pasar a nós, sucedan? Pois, no caso desta historia, ten que pasar todo iso que nos estivo contando o narrador. Escribiches esta novela do tirón, en apenas vinte días. Necesitabas experimentar esa sensación de tensión para abrazar esta historia? Forma parte un pouco das consecuencias de querer contar a vida acelerada dos personaxes, de pór a técnica e o modelo narrativo ao servizo desa velocidade. Que ti escribas tamén sobre esa ansiedade do día a día. Creo que se uniu todo. A miña forma de escribir, a propia narración e a vida dos personaxes. Por iso a novela resolveuse en tres semanas. E xa, a nivel persoal. Ti predicaches co exemplo? Lograches baixar o ritmo? Eu creo que comparezo con esta novela como unha testemuña da velocidade, non como unha vítima dela. Eu vivín así. Vivín alienado e un pouco esclavizado polo ritmo de traballo durante algúns anos. Con distintos golpes de sorte e unha asunción de riscos, conseguín saír de aí. Agora son o dono do meu tempo. Eu exerzo o control. Eu decido como me organizo, canto lle dedico ao día a escribir unha novela ou unha columna. Pódome distraer, podo cruzarme de brazos, podo perder o tempo... Nese sentido, asumo que son un privilexiado.