Ás sete da mañá, mentres a Praza de Barcelos aínda se espreguiza, xa hai movemento no número 13. Dentro do Café-Bar O´Cañón de Pau, na cociña, Alfonso González pon a quentar as potas con produto caseiro antes da apertura ás 10:00 horas. Mentres, algúns clientes de confianza, entre eles, o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, levantan eles mesmos a persiana e entran a polo seu primeiro café do día. "Saben que estou dentro e abren sen problema", conta González entre risas. Así empeza cada xornada neste histórico establecemento familiar que o próximo 1 de decembro (data que indican no seu facebook, aínda que descoñecen o día exacto, só que abriron a finais de 1984) cumprirá 41 anos dende que Alfonso, natural de Loureiro (Cotobade), e a súa esposa, María Jesús "Susi" Cerviño, de Pedre (Cerdedo), abrisen as súas portas. Xuntos elixiron un nome con historia na súa terra: o "Cañón de Pau", en homenaxe a aqueles canóns feitos con troncos de madeira e argolas cos que os veciños de Cotobade resistiron a invasión das tropas francesas na Guerra da Independencia (1808-1814). Dende entón, este pequeno negocio viu pasar tres xeracións de clientes, catro remodelacións da praza e miles de historias. "Teño a terceira xeración de clientes, xa viñan os avós, os pais e agora fillos e netos", lembra Alfonso, que segue traballando longas xornadas de mesmo 16 horas "ata que o corpo aguante", aínda que dende a pandemia instauraron a xornada partida, con peche os domingos e as tardes de mércores e sábados. O equipo do Café-Bar O´Cañón de Pau: Alfonso González (no centro) e os seus fillos David e AdriánCristina Saiz Alfonso e os seus fillos David e Adrián forman un equipo que se coordina á perfección. Adrián encárgase da barra, David atende as mesas e tamén ambos axudan en cociña ou cos recados. Dende agosto, contan con Raquel, a nova cociñeira que "se adaptou xenial" e que agora comparte con Alfonso o mando dos fogóns. "A cociña nótase moito sen a miña nai, pero Raquel faino moi ben", confirman os irmáns. Alfonso asente mentres fala con enorme agarimo da súa esposa, pola que o ano pasado pecharon seis meses o local para acompañala "no cancro que ten e complicóuselle"; á vez que se emociona ao lembrar á súa clientela, "que son como de casa", ao punto de que "os clientes se nos ofreceron ir quedar con ela e todo". Antes deste revés, a pandemia obrigou a axustar os horarios. Xa non abren tan cedo ao público, abandonaron a xornada continua e pechan os domingos, ademais das tardes de mércores e sábados. "Antes abriamos de oito e media da mañá ata a noite, agora abrimos ás dez. Despois de comer pechamos un intre e reabrimos ás 19:30 ata as 23:00", explica Alfonso. Tampouco esquece á comunidade de veciños do edificio en cuxo baixo se atopa o local: "En corenta anos nunca se queixaron de nada, e cada Nadal regálannos unha cesta. Estámoslles moi, moi, agradecidos, aos veciños e a todos os nosos clientes." Se algo caracteriza a O´Cañón de Pau é o trato próximo, polo que a tecnoloxía non manda: as comandas non se apuntan, senón que se memorizan. "Todo ao antigo, os pedidos son de palabra e o computador son eu", chancea Alfonso sinalando a súa cabeza. O menú do día custa 13 euros, o café 1,30 e cada consumición vai sempre acompañada da súa tapa, porque "así o manda a casa". O equipo do Café-Bar O´Cañón de Pau: David e Adrián, a segunda xeración, e Alfonso González, o fundadorCristina Saiz Entre as especialidades, Alfonso destaca as luras, tan populares que hai quen cruza media cidade para probalas ou mesmo varios quilómetros. "Temos clientes que se cadra veñen dúas veces ao mes e cando sentan xa non teñen que pedir porque xa sabemos o que queren e servímosllo ao momento", afirma Alfonso cunha chiscadela cómplice. "Aínda que non a todos lles gusta por igual", engade o seu fillo David con intriga, e aclara:. "Unha turista de Madrid escribiu en Google que eran 'los peores calamares que he probado'. Vaia, hai gustos para todo", rin. En realidade, as reseñas falan por si soas: o Cañón de Pau ten unha puntuación media de 4,7 sobre 5 en Google, con máis de 750 opinións que destacan a comida caseira e o trato familiar. Porque neste local a todos se lles trata por igual: "Os obreiros, os turistas, os veciños, os peregrinos ou o presidente da Xunta, todos son iguais". Insiste Alfonso en que non hai reservas nin tratos especiais. "Se estamos a atender a outro cliente, ou as mesas están cheas, esperan como calquera", subliña Alfonso con sinceridade. A súa fama creceu precisamente cando Alfonso Rueda o mencionou como o seu bar de confianza, pero nas súas mesas tamén sentaron Alberto Núñez Feijóo, Ana Pastor, o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, ou deportistas do Teucro e a Selección. Ao longo dos anos, o Cañón de Pau sobreviviu a crises, obras na praza e momentos difíciles, como a enfermidade de Susi. Pero se algo demostra esta familia é que son unha piña e que nunca perden o sorriso. Este 7 de novembro, a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra recoñecerá esa historia de constancia e bo facer co seu Premio Honorífico á traxectoria. É a primeira vez que AJE entrega este galardón a un pequeno negocio. "Non contabamos con iso. Nós non facemos publicidade nin regalamos bolígrafos nin almanaques en Nadal; o noso detalle é co cliente directamente, traballar e atender ben ao cliente, iso é o importante", resume Alfonso.