Marín ofrece un curso de iniciación á escalada en rocha

Wait 5 sec.

O Concello de Marín, en colaboración co Club Aromon, abre as inscricións para o Curso de Iniciación á Escalada en Rocha (Nivel E1). Trátase dunha actividade única que chega por primeira vez á localidade e que coincide coa preparación da nova zona de escalada de Loira, cuxa inauguración está moi preto de facerse realidade. Esta proposta enmárcase dentro da celebración do 35º aniversario deste club, unha entidade con longa traxectoria no mundo da montaña e da aventura. O curso segue os estándares da Escola Galega de Alta Montaña e está pensado para que calquera persoa, con ou sen experiencia previa, poida aprender as técnicas básicas de seguridade e progresión na escalada en rocha. O Concello subvenciona o curso ao 100% para todos os veciños de Marín, apostando así por achegar o deporte de montaña a toda a cidadanía. O xoves, 11 de decembro terá lugar a sesión teórica (de 19:00 a 22:00 horas) no museo municipal Manuel Torres e o sábado, 13 e domingo, 14 de decembro serán as sesións prácticas (de 10:00 a 17:00 horas) na zona de escalada de Loira. Os participantes aprenderán sobre o material básico de escalada, diferentes tipos de nós, técnicas de descolgue, cadea dinámica de seguridade e aseguramento de primeiro de corda, entre outros coñecementos esenciais para iniciarse con seguridade neste deporte. O profesorado está conformado por técnicos do club, con ampla experiencia na docencia e práctica da escalada. Para participar non é necesario ter experiencia previa. A idade mínima é de 16 anos (con autorización familiar no caso de menores).