O persoal de ENCE inicia a súa folga de doce días en protesta polos despedimentos e recortes

Wait 5 sec.

Desde as seis da madrugada deste sábado a fábrica de Ence en Pontevedra está parada como consecuencia da folga que hoxe iniciou o persoal despois de que a compañía comunicase a súa intención de eliminar 39 dos 282 postos de traballo que ten a factoría de Lourizán. Aínda que houbo un piquete na entrada da fábrica non foi necesario informar a ningún compañeiro porque, aseguran os convocantes, a totalidade do persoal de Ence apoia a mobilización. Aínda así se despregou un amplo dispositivo policial. No complexo industrial fronte á ría de Pontevedra permanecen no seu posto de traballo unicamente os servizos mínimos establecidos. O comité de empresa da fábrica de ENCE en Pontevedra convocou 12 xornadas de folga para rexeitar os 39 despedimentos que pretende executar a empresa no marco do "plan de competitividade" que provocou tamén a clausura do departamento médico e a eliminación de tres postos no servizo de limpeza. Os paros de 24 horas continuarán os vindeiros días 12, 15, 18, 19, 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de novembro. A asemblea de traballadores celebrada o xoves amosou o seu total apoio a este calendario de mobilizacións en resposta á "guerra aberta" pola dirección da pasteira contra o seu cadro de persoal. Dende a representación sindical denuncian que este suposto "plan de competitividade" posto en marcha pola compañía en 2024 baséase unicamente en recortes de persoal e non en melloras tecnolóxicas, automatizacións ou optimización de procesos. Queren deixar moi claro que farán todo o que estea na súa man para garantir o mantemento de todos os postos de traballo fronte a esta "chantaxe directa" da empresa, "xa que pretende que asinemos un despedimento colectivo fóra das canles legais a cambio de novas falsas promesas de investimentos". Neste contexto, Ence leva executando nos últimos meses recortes de servizos auxiliares e despedimentos de persoal auxiliar, como o departamento médico da fábrica (catro despedimentos) ou o servizo de limpeza (outros catro). Foi un proceso no que a empresa nunca amosou vontade de diálogo ou boa fe nin achegou información, "pretendendo unicamente que lles asinemos un cheque en branco cos despedimentos como condición irrenunciable". Estes movementos da empresa, e as recentes visitas de directivos de Altri ás plantas de Ence de Pontevedra e Navia, fan sospeitar a representación sindical da existencia dun pacto de venta "previa redución do cadro de persoal, rumor que se disparou tras anunciar a compañía un acordo de colaboración con Altri". Ao mesmo tempo, consideran que Ence "traspasou todos os límites" ao longo deste mes de contactos ao trasladarlle á representación sindical que se convoca folga non haberá investimentos, "chegando a dicirnos que a unha empresa coma esta non lle tumba o ERE ninguén, o que representa como mínimo unha burla á Inspección de Traballo, aos sindicatos e mesmo ao Xulgado do Social". E ameazando incluso co peche da fábrica: "Ou aceptamos pacificamente os 40 despedimentos ou din que igual son 282, en referencia á totalidade do persoal". Así como tamén se amosu disposta a denunciar a folga por considerala ilegal, e fixou uns servizos mínimos "abusivos" de máis do 100%, "ademais de mesmo insinuar a posibilidade de levar a cabo un peche patronal, o que é unha vulneración flagrante do dereito de folga". Por todo isto, a representación sindical levou a cabo unha serie de xestións diante da Consellería de Emprego e da Inspección de Traballo e mantivo xuntanzas con distintos grupos parlamentarios. "Esiximos a implicación das administracións públicas, en especial da Xunta, que aceptou no seu día os compromisos da empresa", rematan. Traballadores de Ence concentrados ás portas da fábricaComité de Empresa de Ence