Os traballos de reposición do asfalto derivados das obras de soterramento da liña de media tensión de Fenosa continúan avanzando en Pontevedra. O Concello informou que, a partir do luns 10 de novembro, está previsto iniciar a reposición da capa de rodadura na rúa Conde Bugallal. Será no tramo comprendido entre Otero Pedrayo e o cruzamento do Marco. Con motivo destas actuacións, a Policía Local procederá ao peche do carril de saída da cidade neste treito. Non obstante, a glorieta do cruzamento do Marco non se verá afectada, polo que continuará habilitado o acceso á cidade por esta zona. Debido ás restricións de tráfico, os vehículos procedentes de Eduardo Pondal–Otero Pedrayo e os de Conde Bugallal deberán utilizar Josefina Arruti en dirección ao nó do Pino para saír da cidade. Recoméndase ás persoas condutoras que planifiquen os seus desprazamentos e empreguen vías alternativas mentres duren os traballos.