O GDR Pontevedra Morrazo aproba axudas por valor de 732.000 euros para proxectos de desenvolvemento rural

Wait 5 sec.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo aprobou este mes de agosto os proxectos beneficiarios da convocatoria 2025/26 da intervención LEADER, no marco da PEPAC 2023-27, cun investimento total que ascende a 731.897,63 euros. As axudas, que se concederon seguindo a puntuación obtida no baremo e ata o límite do crédito dispoñible para cada tipoloxía, beneficiarán tanto a proxectos produtivos como non produtivos promovidos por entidades públicas e privadas da comarca. Entre os proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas locais destaca a mellora da eficiencia enerxética no Local Social de Paredes, en Vilaboa, cun orzamento de 26.698,53 euros e unha axuda de 22.693,75 euros (85% de subvención). O Concello de Cerdedo-Cotobade recibirá 19.151,34 euros (90% de subvención) para a mellora nas instalacións da Casa Cultural de Quireza, cun orzamento total de 21.279,27 euros. Pola súa parte, A Lama contará con 9.999,68 euros para o desenvolvemento dunha web turística municipal cun presuposto de 14.285,26 euros. No ámbito dos proxectos non produtivos promovidos por entidades privadas, destaca a construción dun parque de madeira multiaventura no monte comunal de San Martiño de Salcedo. Esta iniciativa, promovida pola CMVMC Salcedo Pontevedra, conta cun orzamento de 29.950 euros e recibirá unha axuda de 12.279,50 euros. Os proxectos subvencionados contribuirán á creación e consolidación de 30,01 empregos (UTAS), dos cales 4,50 serán de nova creación e 25,51 corresponden á consolidación de postos de traballo xa existentes na comarca. Estes proxectos serán cofinanciados con fondos do FEADER (80%), AGADER (4%) e MAPA (16%), confirmando o apoio das institucións europeas, autonómicas e estatais ao desenvolvemento rural da comarca do Pontevedra Morrazo.