Tras meses de demandas e preocupación polo impacto das obras de renovación do colector do río Lameira, as familias do CEIPP Sequelo de Marín mantiveron este luns unha reunión co Concello para abordar solucións aos problemas de acceso ao centro escolar. Desde 2023, os traballos na contorna obrigaron os 400 estudantes a atravesar zonas cun tráfico máis perigoso e pasos de peóns estreitos, despois de que se eliminara a senda segura que comunicaba a Lameiriña co colexio. As dificultades foron agravadas pola coincidencia de outras intervencións, como a rehabilitación do pavillón e a instalación dun ascensor, o que supuxo peches e cambios constantes nos percorridos. As familias, a través da ANPA, denunciaron reiteradamente que estas obras supoñen riscos diarios, especialmente nos horarios de entrada e saída, chegando a solicitar reiteradamente presencia policial e medidas extra para garantir a protección dos alumnos. Na reunión celebrada no Salón de Plenos do Concello, a alcaldesa María Ramallo e a concelleira de Educación Marián Sanmartín comprometéronse a pedir a Augas de Galicia que priorice a apertura provisional da nova senda peonil, coa previsión de que o acceso quede habilitado en xaneiro. Tamén se estudará unha entrada única pola Rúa Enrique Turral, ante a perigosidade do acceso de infantil, que vese especialmente afectado polo avance das obras. Ademais, trataron a situación na rúa Jaime Janer, poñendo enriba da mesa os riscos actuais para peóns e alumnado con beirarrúas pequenas e zonas complicadas de tráfico. As familias propuxeron organizar un grupo de voluntariado encargado de reforzar a seguridade nos accesos cando non haxa policías locais na zona. O Concello confirma que mantén a coordinación cos responsables das obras e reforzou a presenza policial desde o inicio do curso, asegurando que as obras, aínda complexas, acabarán por mellorar tanto o entorno escolar como o barrio.