O Concello de Pontevedra aumenta este ano un 10% as axudas anuais que concede aos clubs federados do municipio, de tal maneira que chegarán ata os 330.000 euros, fronte aos 300.000 de 2024. O Concello xustifica o reforzo desta liña de axudas polos bos resultados obtidos en 2024, que demostran o "alto retorno social e económico" do investimento. Así, as axudas apoian un total de 55 clubs, que suman 8.120 licenzas federativas, das cales preto do 71 % son de deporte base. Segundo os cálculos do Concello, cada euro municipal da convocatoria anual de 2024 mobilizou aproximadamente 13,9 euros de actividade deportiva e económica nos clubs, o que supón un alto retorno social. O orzamento mobilizado polos clubs ascendeu a 4,17 millóns de euros en gastos, "demostrando que o deporte tamén xera emprego, compras e servizos na cidade". Ademais, sinalan que grazas a esta actividade, Pontevedra consolida un ecosistema deportivo que xera preto de 39 ETP (equivalentes a empregos técnicos a tempo completo) e proxecta o nome da cidade a nivel estatal: en 2024, os clubs percorreron 503.001 quilómetros en competicións oficiais. Tamén redunda nos bos resultados das e dos deportistas. En 2024 rexistráronse 174 chamamentos a seleccións (144 galegas e 30 españolas), "un indicador do talento pontevedrés que confirma a relevancia do apoio municipal". "Reforzámolo en 2025 para seguir medrando dende a base", afirmou a concelleira de Deportes, Anabel Gulías. Unha das principais novidades da convocatoria é o reforzo do deporte de base, feminino e de persoas con discapacidade. As licenzas nestas categorías multiplican agora o seu valor por 1,5 na valoración das entidades, promovendo así a igualdade e o deporte inclusivo. Tamén se busca, con esta convocatoria, garantir a seguridade e a formación do persoal, para garantir que calquera nena e neno con ilusión por competir "poida facelo con adestradores formados e en contornas seguras". A convocatoria introduce un protocolo de protección da infancia no deporte que esixe a designación obrigatoria dunha delegada ou delegado de protección inscrito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. Este 2025 a convocatoria tamén incorpora melloras técnicas, de control e de transparencia e inclúe a posibilidade de ampliación automática do crédito se existe dispoñibilidade orzamentaria sen ter que facer unha nova convocatoria.