O Club Baloncesto Arxil confirmou este domingo que rompeu o seu maleficio de máis dun ano sen gañar ao imporse con claridade ao Barakaldo por 67-57. O partido, correspondente á sétima xornada de liga e adiantado pola xanela FIBA deste mes, supuxo o segundo enfrontamento en menos de 24 horas para galegas e vascas. Aínda que a pouca marxe de descanso podía afectar ao Arxil, o equipo realizou o seu mellor partido da tempada, mostrando un nivel sólido e constante de principio a fin. Desde o inicio, impúxose de cara ao aro, especialmente grazas a Marta Maestro, que anotou a metade dos puntos do equipo no primeiro cuarto, deixando o marcador en 18-13. No segundo mantivo o dominio, con Díaz Pache brillando no rebote e Chasse afinando a súa puntaría para elevar a diferenza aos 13 puntos ao descanso (41-28). Despois do paso polos vestiarios ratificouse a superioridade local cun total de 24 rebotes capturados e un novo parcial favorable que deixaba o marcador en 55-40. Xa no último e definitivo parcial, o Barakaldo tentou reducir diferenzas, pero as locais souberon manter a vantaxe e controlar o xogo para certificar a vitoria final por 67-57. A máxima anotadora do partido foi Chasse, con 16 puntos, seguida de María González, Marta Maestro e Lemongang, todas elas con 10. En canto ao plano reboteador, Díaz Pache foi a clara dominadora cun total de 12 rebotes cazados. Consulta as estadísticas nesta ligazón [galleries:vertical:10829]