O Club Cisne Balonmano sumou este sábado o seu segundo triunfo da tempada tras imporse con claridade ao Alcobendas, o equipo pechacancelas da liga. O partido comezou con máxima igualdade e así se mantivo até o minuto 16, cando a exclusión de José María Gutiérrez permitiu aos pontevedreses aproveitar a superioridade para porse cun 7-10, máxima renda até ese momento. Óscar Moreno recortou distancias para os locais, e aínda que Martín Santos foi excluído durante dous minutos, o Cisne, guiado por Álex López e Iago Costas, mantivo a vantaxe e chegou ao final do primeiro tempo cun marcador favorable de 14-18. Tras o descanso, os lerezanos saíron algo durmidos e o Alcobendas achegouse até o 17-19. Aos poucos os visitantes entraron en calor, favorecidos á súa vez por unha nova exclusión no equipo rival. O punto de inflexión produciuse no minuto 38, cando os pontevedreses, superiores en todas as facetas asinaron un parcial de 0-4 que elevou o marcador a 21-27 e deixou sentenciado o enfrontamento. O Cisne non baixou os brazos en ningún momento e evitou que o Alcobendas atopase a maneira de facer dano, ampliando a diferenza até o nove goles (29-38). O máximo goleador do enfrontamento foi o cisneísta Joao Ferreira, que anotou 12 dianas e foi clave na vitoria visitante. Esta vitoria reforza a confianza do Cisne despois do mal arranque na competición. Consulta as estatísticas neste enlace